O prazo de presentación dos traballos remata o 13 de xaneiro do 2027
04 nov 2026 . Actualizado a las 18:54 h.O Colexio M. Peleteiro publicou na súa páxina web as bases da 55ª edición dos Premios Literarios Minerva, un dos certames escolares de literatura xuvenil máis veteranos de Galicia, creado en 1963 para fomentar o uso do galego no ámbito educativo e promover a creación literaria entre a mocidade. O concurso, impulsado polo profesor Abuín de Tembra e apadriñado por Álvaro Cunqueiro, contou ao longo da súa historia co aval de escritores como Carballo Calero, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Neira Vilas.
Poderán participar estudantes de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP de centros galegos que non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2026. Os traballos, de poesía ou narrativa, deberán ser orixinais, inéditos e escritos en galego. O prazo de presentación remata o 13 de xaneiro do 2027.
En cada modalidade concederanse tres premios de 800, 400 e 250 euros, respectivamente, ademais dunha medalla e da publicación das obras nun libro. O fallo darase a coñecer o 4 de marzo e a entrega dos galardóns celebrarase o 8 de abril.