O programa FalaRedes impulsa a transmisión do galego no lecer familiar cunha xira por 21 concellos
SANTIAGO
Valentín García, secretario xeral da Lingua, resalta «o papel esencial na transmisión do galego no ámbito do lecer familiar»
03 nov 2026 . Actualizado a las 19:18 h.O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou este martes «o papel esencial na transmisión do galego no ámbito do lecer familiar» do programa FalaRedes, que vén de reforzarse coa posta en marcha das iniciativas do novo Plan xeral de normalización aprobado no Parlamento. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que o proxecto se consolida cada ano como unha ferramenta chave para a dinamización lingüística, especialmente entre a infancia e en contextos periurbanos.
A nova programación inclúe a estrea do espectáculo multiartístico «O son do ar», un recurso que prestixia o idioma a través da danza, o canto e a poesía en directo, ao tempo que rende homenaxe á emigración galega do século pasado. Baixo a dirección de Iván Villar, a proposta conta coa narración de Luís Iglesia, a voz de Paty Lesta, a danza de Ricardo Fernández, o piano de Cristian Leggiero e o caixón de Moisés Fernández. A montaxe poderá verse o 8 de novembro en Viveiro, o 4 de decembro no Barco de Valdeorras e o 22 dese mesmo mes en Lugo.
A oferta familiar complétase coa xira de Os Bolechas, que baixo o título Aquí hai moito ruído visitará 21 municipios. As funcións comezan este venres en Valga e continuarán durante a fin de semana en Ordes e Abegondo. O percorrido dos coñecidos personaxes estenderase ao longo de novembro e decembro por localidades como A Teixeira, Padrón, Coristanco, Arzúa, Outes, Bergondo, Ares, Baiona, Negreira, Fisterra, Palas de Rei, Rois, Carral, Cerdedo-Cotobade e Allariz. O programa fará as súas últimas paradas en Vedra, Cedeira e Begonte.