«A gaivota, ensaio aberto» emprende voo: «É a maior coprodución internacional do teatro galego»

La Voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A montaxe do CDG, que se estreará este xoves en Santiago, variará parte do elenco e do texto segundo o país

30 sep 2026 . Actualizado a las 04:55 h.

«A gaivota, ensaio aberto», o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) que revisita o clásico de Antón Chéjov poñendo o foco nas mulleres, inicia mañá en Santiago a súa andaina polos escenarios, que o levará por Uruguai, Arxentina, Romanía, Valencia e Serbia, ademais de contar cunha xira galega a principios de ano. «É unha das maiores coproducións internacionais, se non a maior, do teatro galego», destacou Fran Núñez, o director da compañía pública galega dependente da Xunta, xa que participan entidades de máis de media ducia de países. Un ámbito no que tamén fixo fincapé o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo: «É un proxecto interesantísimo e moi novidoso polo que ten de proxección internacional e de vinculación con tantas institucións».

Este proxecto é «especial», ademais, porque non será o mesmo o que se poida ver en Galicia que noutras partes da xira, posto que do elenco inicial formado por Déborah Vukusic, Mercedes Castro e Uxía Suevos, só a primeira acompañará todas as funcións do proxecto dirixido polo galego Santiago Cortegoso e o portugués Neto Portela, que tamén se encargaron da dramaturxia. Na maior parte do resto dos países as encargadas de dar vida aos personaxes femininos de Chéjov, Nina e Arkádina, serán intérpretes locais. «Parécenos moi importante reencontrarse con artistas locais, convivir», salientou Fran Núñez. Nese ámbito, Neto Portela incidiu en que deste xeito a montaxe «vai dar voz a moitas memorias locais». Ademais, remarcou o «desafío marabilloso» que supón este proxecto «ao construír un espectáculo que vai caber en dúas maletas e que vai viaxar polo mundo». Para Débora Vukusic, que estará en todas as funcións, «esta peza é un agasallo, pero tamén un reto» xa que vai ter que coñecer as súas compañeiras e partillar con elas de xeito exprés.

Como se articula unha peza que se concibe con modificacións en cada territorio? «O espectáculo conta con dúas partes ben diferenciadas. Unha é a de Chéjov, que se vai repetir igual en todas as partes ás que vaiamos. O que varía son tres escenas, que nós denominamos autobiográficas, nas cales as actrices falan das súas experiencias persoais», detalla Cortegoso. Para conformar estes diálogos, mantiveron entrevistas coas intérpretes de cada un dos lugares sobre cuestións vinculadas coa profesión, a súa experiencia, os inicios, a fama, o apoio da familia... «Estas escenas son diferentes en cada país, pero teñen unhas estruturas e unhas temáticas parecidas. Así, aínda que o espectáculo vai variar dun lugar a outro moitísimo, vai conservar ao mesmo tempo unha unidade e unha mesma liña dramatúrxica», engadiu.

Outro dos aspectos sobresaíntes do espectáculo é o diálogo entre distintas xeracións de intérpretes. Neste sentido, Mercedes Castro, subliñou que «é de agradecer esta proposta, porque, ás veces, chegamos a unha idade en que as actrices case desaparecemos».

Para as funcións no Salón Teatro desde este xoves ao domingo, ás 18 horas, quedan xa moi poucas entradas.