Caamaño & Ameixeiras e The Rapants encabezan un concerto en favor de Gaza do día 8 de outubro na Capitol
SANTIAGO
O evento recaudará fondos para a Unrwa e as entradas xa se poden mercar
22 sep 2026 . Actualizado a las 04:50 h.Día 8 de outubro • 20.30 horas • Sala Capitol • Desde 15 euros • A terceira edición de AmalxGaza. Concerto Solidario (Artistas galegas x Palestina) reunirá o vindeiro día 8 na Sala Capitol a The Rapants, unha das bandas máis destacadas do panorama musical galego actual —como o demostrou o cheo acadado o pasado marzo no Multiusos do Sar para presentar o seu novo traballo—; Laura Lamontagne, referente da nova creación musical en Galicia; o recoñecido dúo Caamaño & Ameixeiras; e O Xoán (Xoán Fórenas), artista multidisciplinar que combina música, interpretación e creación escénica.
O concerto solidario está organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Festival Amal e ten por obxectivo principal recadar beneficios para apoiar á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa). Nun comunicado, a organización salienta que a presenza destes catro artistas amosa «unha vez máis a solidariedade da sociedade galega coa causa palestina».
As entradas para a actuación están á venda de xeito anticipado na web da Sala Capitol. Ademais, poderanse adquirir en A Reixa Tenda/Matrioska (rúa do Hórreo, 53) e no despacho de billetes da Sala Capitol o propio día do evento a partir das 19.30 horas.