En urxencias

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

Tocou ir a urxencias do CHUS cun familiar. Houbo que esperar un bo anaco como hai que esperar en todas as urxencias hospitalarias do planeta. E botando un ollo aos avisos que hai pegados nas paredes lin nun que se pide ás «persoas usuarias» que respecten ás «persoas traballadoras». Debe ser que por alí tamén pasa algún imbécil.

E como aburría, comentei iso á persoa de seguridade. Logo púxeme a atender como quen non quere a cousa ás persoas demandantes de atención médica, e comprobei nese período de tempo que había polo menos tres con cara de cemento, que ían case por ir: como non tiñan cita en primaria deixábanse caer por urxencias por auténticas parvadas.

Falei tamén coas persoas condutoras de ambulancia, a quen atopei moi inmunizadas ante o sufrimento alleo, sen que isto sexa crítica: ven tantos casos que xa é rutina. E tiven tempo para cruzar e entrar no comedor universitario de infausto nome: non me negarán que chamarlle Solpor e ir tomar algo mentres o seu parente está no quirófano a vida ou morte non é o máis oportuno. Falei algo coas persoas camareiras e intercambiei unha frase con quen parecía a persoa cociñeira.

En resumo, aproveitei ben aquelas dúas horas longas. Aprendín que en urxencias as persoas profesionais (persoas celadoras, persoas enfermeiras e persoas médicas) traballan arreo, con seguridade e cunha dose de amabilidade alta e sempre mellorable. Aprendín que hai xente empeñada en utilizar a linguaxe inclusiva, que non é máis ca unha imposición dogmática (quizais de fanáticos) que, entre outras consecuencias, ten a de escarallar (perdón pola verba) o idioma galego. E aqueles avisos que lin son responsabilidade de alguén. Da Xunta.