Psicotroita reúne a nove grupos en Sigüeiro os días 26 e 27 de setembro

La Voz

SANTIAGO

O festival foi presentado este mércores por representantes do Xacobeo, o Concello de Oroso e Tremendo Audiovisual
O festival foi presentado este mércores por representantes do Xacobeo, o Concello de Oroso e Tremendo Audiovisual .

No cartel destacan Eel Men, Familia Caamagno, Mujeres, Rolando Bruno e Los Tiki Phantoms

10 sep 2026 . Actualizado a las 04:55 h.

A undécima edición de Psicotroita encherá de música o paseo do Carboeiro de Sigüeiro os días 26 e 27 xuntando a nove formacións. Haberá pop, punk, psicodelia, cumbia «trash» e guitarras.

Na primeira xornada destaca a presenza de Eel Men, banda londinense que achegará a súa proposta de «punk garaxeiro». Tamén contará coa Orquestra Neverloura, unha das formacións de referencia da festa galega contemporánea, e coa banda emerxente Rager, subindo ás táboas ás novas xeracións de música do país. Non quedará aí a representación galega. Un dos momentos referenciais terá como protagonista a Familia Caamagno, que presentará o seu novo traballo, «Disco comarcal», acompañado para a ocasión polos ventos e teclado da Orquestra do Quince. A primeira xornada complétana o punk contaxioso de Pladür e os barceloneses Mujeres.

O domingo 27 será a quenda do arxentino Rolando Bruno, que traerá cumbia «trash» desde a outra beira do Atlántico. A continuación será a quenda de Los Tiki Phantoms. O cuarteto procedente de Barcelona encherá o paseo do Carboeiro de espírito sesenteiro. O peche será cunha sesión de picadiscos de Pídechas o Corpo.

O festival organizado por Tremendo Audiovisual contará con postos de comida populares e con zonas para sentar, xantar e gozar da xornada ao carón do escenario desde as 13 horas e con entrada de balde. A cita foi presentada onte coa participación de Marcos Gómez, comisario do Xacobeo; Álex Doval, alcalde de Oroso; María Requejo, concelleira de Cultura; e Manuel Tarrío e Xiana Arias, membros de Tremendo Audiovisual.