Quintana Martelo inaugura en Teo «Inside/Outside» con obras desde o 2005

La Voz

SANTIAGO

El artista Quintana Martelo
El artista Quintana Martelo PACO RODRÍGUEZ

A mostra será inaugurada o venres 4 no auditorio da Ramallosa

01 sep 2026 . Actualizado a las 04:55 h.

Día 4 • 19 horas • Auditorio Municipal da Ramallosa (Teo) • O artista santiagués Manuel Quintana Martelo amosará en Teo unha selección da súa obra feita desde o 2005. Trátase de pintura, escultura e pezas en papel, así como debuxos, acuarelas e técnicas mixtas, que se agrupan baixo o título «Inside/Outside». «A interpretación do título refírese ao contraste entre dous conceptos de traballo. Un, a mirada sobre o interior do estudo, os elementos que integran e dan uso no meu traballo, como os zapatos ou zapatillas, a roupa do taller, os materiais, as pinturas, os botes, os pratos que son paletas, pinceis... E outra parte, a mirada exterior, os elementos alleos ao estudo, como un mariñeiro de Poio e o seu desenvolvemento ata a escultura; os contedores, que son pezas urbanas que como bodegóns contemporáneos poboan as nosas rúas; e todo son usos que se refiren ao exterior», detalla o artista.

Precisamente, no catálogo, a historiadora Pilar Corredoira incide en que o eixe conceptual da proposta é o xogo entre o interior e o exterior. «Fronte á dimensión da tea, sitúase a figura do artista e dos obxectos que pertencen ao seu estudo; a diferenza establece unha relación entre o monumental e o cotián, e a experiencia física do corpo en proximidade coa superficie pictórica», di.

A exposición que se inaugura o xoves está impulsada polo Concello de Teo. A alcaldesa, Lucía Calvo, resalta no catálogo a oportunidade que supón para a veciñanza «descubrir ou reencontrarse coa obra dun artista excepcional». O artista foi nomeado recentemente fillo adoptivo do municipio teense.