A programación comeza este luns cun taller de circo e a actuación de Et Suseia Danza
01 ago 2026 . Actualizado a las 04:55 h.Danza, circo, música, poesía, cinema, teatro e contos conforman a programación da nova edición do Festival C, que volve tomar Santiago en agosto con máis de 25 propostas para propoñer outro xeito de experimentar a cidade desde o ámbito cultural. «É un dos eventos máis especiais da programación, co que pretendemos facer da cidade un grande escenario para compartir cultura nos espazos públicos e habitar Compostela doutra maneira», afirmou a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, que presentou a iniciativa acompañada polo director-xerente do Auditorio, Xaquín López.
O luns abrirá o Festival C o taller de circo de Circonove (11.30-13.30 horas, Galeras). Xa pola tarde, chegará un espectáculo de Et Suseia Danza (20 horas, Casa das Máquinas). A programación escénica tamén incluirá o traballo de Raquel Ferradás & María de Vicente, ademais da peza colectiva que desenvolverá o Colectivo RPM e a artista Amalia Fernández.
O circo tomará a praza da Quintana as tardes dos xoves con Paula Quintas (día 6), Zirkozaurre (día 20) e Spinish Circo (día 27). Pola súa banda, os arcos do parque de Bonaval serán o escenario dos contos os martes. Actuarán Galeatro, Pérez & Fernández, Cris de Caldas e Brais das Hortas. Non faltará a poesía, que chegará ao paseo da Ferradura da Alameda para reivindicar a tradición das cantareiras os mércores. O cinema ao aire libre protagonizará a recta final con dúas proxeccións.