Santiago e Padrón únense nas festas co foco posto na emerxencia climática
SANTIAGO
Goretti Sanmartín e Anxo Arca renovaron en Raxoi os lazos de amizade de ambos concellos
27 jul 2026 . Actualizado a las 18:57 h.As festas do Apóstolo, como as da Pascua en Padrón, acabaron abrindo hai décadas unha xanela para enriquecer a relación institucional de Santiago e a capital do Sar e afondar nun vínculo de amizade e irmandade que as dúas citas festivas se encargan de pregoar todos os anos, coa recepción recíproca das súas corporacións municipais. Hoxe tocáballe a Compostela exercer de anfitrioa, dentro da celebración do Apóstolo, e dar cumprimento a unha tradición iniciada nos anos sesenta do século pasado, como recordou a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), tras recibir na praza do Obradoiro ao seu homólogo padronés, Anxo Arca (PSOE), con quen, tras os saúdos pertinentes, intercambiou os bastóns de mando, como símbolo desa amizade.
Así o manda esa tradición á que ambos os dous concellos lle outorgan o máximo nivel protocolario, pero na que non abonda coa permuta ocasional de símbolos. As intervencións dos dous rexedores afondan habitualmente neses lazos que unen, máis aló das raíces históricas comúns, como o feito xacobeo ou o de compartir á figura máis recoñecida das letras galegas, Rosalía de Castro. E eses lazos son hoxe a preocupación por asuntos que requiren a atención das Administracións en eidos como o da vivenda o turismo sustentable, a planificación para regular os pisos turísticos ou a protección do comercio de proximidade, segundo apuntou Sanmartín logo de mandar a solidariedade de Compostela cos afectados polos incendios na Península, mensaxe á que se sumou tamén Arca no seu discurso. «Que vexan que os nosos ollos están aí e que o noso corazón está con eles», dixo o rexedor padronés tras indicar que os galegos «sabemos o que é padecer vagas de incendios e ver como o noso patrimonio natural se destrúe e se ven afectadas as vidas de tantos veciños».
A rexedora capitalina non deixou de sinalar que os incendios «hai que apagalos no inverno», con planificación, pero tamén apostando polo deseño de cidades que introduzan elementos de loita contra o cambio climático. Máis aló das cuestións propias da xestión municipal nas que coinciden ambas Administracións, se en algo concordaron plenamente os dous mandatarios foi na emerxencia climática. «É unha responsabilidade que temos todos como cidadáns e cargos públicos, independentemente das institucións nas que esteamos», dixo Arca, ao tempo que manifestaba a súa disposición a traballar xuntos nese eido. Sanmartín xa apuntara previamente a preocupación común e o chamamento a ambas veciñanzas para que sexan responsables no uso da auga.
Ambos mandatarios se intercambiaron agasallos (libros sobre as súas historias) antes de escoitar as bandas municipais de ambas localidades, que tocaron dúas pezas cada unha no Obradoiro para rematar como unha única formación co himno galego.