A «Santa» de Asorey quedará exposta de xeito permanente na Cidade da Cultura

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

A escultura «Santa» estivo exposta no Gaiás
A escultura «Santa» estivo exposta no Gaiás XOAN A. SOLER

A Xunta sumou a obra ao patrimonio público galego, pero seguía en Uruguai

27 jul 2026 . Actualizado a las 18:48 h.

A Xunta de Galicia anunciou este domingo o traslado definitivo a Galicia da escultura a «Santa», de Francisco Asorey, coincidindo co centenario da súa creación, no ano 1926. A obra, considerada unha das pezas fundamentais da escultura galega do século XX, regresará así ao seu lugar de orixe tras permanecer máis de sete décadas en Montevideo, onde formaba parte do patrimonio da colectividade galega emigrante.

A figura pasará a exhibirse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, reforzando o papel deste complexo como espazo de referencia para a conservación e difusión do patrimonio artístico galego. A «Santa» é unha creación clave para comprender a evolución artística de Asorey e simboliza, ademais, o proceso de modernización cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.

A peza fora presentada en 1926 na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e, anos máis tarde, en 1951, foi adquirida pola colectividade galega en Montevideo, onde permaneceu exposta ata a actualidade. No 2022, a Xunta incorporouna ao patrimonio público galego no marco do proceso concursal da Casa Galicia, operación que permitiu tamén recuperar outros fondos documentais e bibliográficos de grande valor histórico.

Nun primeiro momento, acordouse co Goberno de Uruguai a súa exhibición no Museo Zorrilla. Porén, os cambios recentes no discurso expositivo desta institución, así como a reorganización das súas coleccións, motivaron a decisión de trasladar a escultura a Galicia para garantir unha mellor contextualización e facilitar o seu estudo e acceso ao público.

O retorno foi posible grazas á colaboración institucional entre a Xunta, o Goberno uruguaio e o Museo Zorrilla, así como ao apoio das colectividades galegas no exterior. A obra xa puido verse recentemente en Santiago, na exposición «Galicia, un relato no mundo», que acadou máis de 46.000 visitantes, confirmando o interese que esperta esta icona da arte galega.