Manuel Quintana Martelo, autor do libro de acuarelas «Miradas do Camiño»: «Entendo a pintura como a propia viaxe dentro de cada obra»

manolo fraga SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Manuel Quintana Martelo, no acto de presentación do seu libro «Miradas do Camiño», celebrado recentemente na Cidade da Cultura de Galicia
Manuel Quintana Martelo, no acto de presentación do seu libro «Miradas do Camiño», celebrado recentemente na Cidade da Cultura de Galicia PACO RODRÍGUEZ

«Fuxir do fácil e clásico animou este traballo sobre as rutas xacobeas», afirma o artista

27 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un artista ten a «liberdade» de colocar como queira os elementos dunha composición pictórica, dixo Manuel Quintana Martelo (Santiago, 1946) na presentación de «Miradas do Camiño», un libro de acuarelas e debuxos coeditado pola Xunta de Galicia e Teófilo Edicións. Trátase dunha extraordinaria publicación que foxe das imaxes tópicas e estereotipadas que se complementa cunha exposición itinerante, cuxa primeira parada foi en maio en Saint-Jean-Pied-de-Port, a última localidade francesa antes de cruzar a España, quizá a etapa máis dura da ruta histórica a Compostela. «Madurada a idea, alí marchei no 2024 con tres conceptos claros na cabeza. Non caer no fácil, non caer no clásico e o coñecido e dar forma a algo que tivera relación co meu traballo artístico. A partir destas premisas, procurei un elemento que dese sentido a toda a obra. Foi a frecha amarela, o símbolo creado polo crego Elías Valiña para sinalizar o Camiño de Santiago», explica o creador plástico, que di entender a pintura «como a propia viaxe dentro de cada obra».

«Hai recunchos no camiño, sinais que guían os pasos, velaiquí unha mirada e voltar aos pensamentos, xiran de novo os pedais, buscar outra sinal amarela, voltar aos pensamentos, o camiño sempre abre outro horizonte, á procura da desexada luz de poñente», escribe a man Quintana na imaxe que pinta ao seu paso por Reliegos, unha pedanía leonesa moi xacobea. Neste lenzo enmarca un simple recodo con varias frechas pintadas no muro beis dunha casa. O artista, que fai o Camiño en bicicleta, presenta a dobre páxina 68 acuarelas: «Son láminas tipo díptico coa mesma idea, onde fago tamén unha indicación do día e a hora en que pasei por alí. É un traballo que se fundamenta na abstracción, a composición e a imaxe».

Lucila Yáñez, colega e «boa» amiga de Quintana, destacou os apuntamentos manuscritos de obra, presentada a semana pasada na Cidade da Cultura. «O libro é unha metáfora do Camiño de Santiago», afirmou en presenza de medio milleiro de persoas que asistiron ao acto conducido por Eva Millán. Pola súa parte, o historiador Felipe Senén, que na súa intervención reivindicou que Compostela «é de todos», inicia así o seu limiar no libro: «Non debemos cavilar nun camiño único, caben moitos camiños; iso si, converxen en Compostela». De feito as pinturas da publicación recollen, ademais do Gran Camiño Francés, imaxes doutras rutas, como a portuguesa, a inglesa, a Vía da Prata, Fisterra-Muxía, as Rías Baixas… «Este é un proxecto iniciado no 2012 e almacenado no tempo, pero sempre na procura do sentimento do Camiño e a ruta do peregrino», apunta o autor, que aproveitou a presentación para rememorar fitos da súa biografía. Como aquela exposición que fixo en 1971 no antigo Círculo Mercantil, hoxe sede da Fundación Eugenio Granell, titulada «Compostela, meta dun Camiño».

«O meu segundo encontro co Camiño foi en 1993. Deixara a cátedra de Debuxo no IES Xelmírez para marchar a ampliar a miña formación en Nova York. Daquela a Xunta encargoume seis gravados, cuxa carpeta levaba un texto de Alfredo Conde. No 2010 fun ao Cebreiro cuns amigos para vir andando, pero unhas ampolas terribles obrigáronme a deixalo; pero pedín unha bicicleta e o fixen con eles igualmente. No 2012 marchei a Roncesvalles para facelo só como bicigrino; pero xa levaba comigo un caderno de traballo e unha cámara de fotos, bulindo na miña cabeza a idea deste libro», explicou Quintana, que expresou a súa «enorme» satisfacción polo resultado e felicitando tanto ao editor coma ao impresor.

Un puñado de sinaturas complementan con textos en galego, castelán e inglés esta publicación, cuxa tiraxe inicial é dun milleiro de exemplares. «Cada libro é un exemplar único, porque cada un leva tres debuxos feitos por min a man alzada sobre tres conceptos: Camiña. Mira. Busca», advirte o artista. Unha obra tan rica como o Camiño!