Budiño: «O concerto do Trad Fest terá moita enerxía, moito baile e moitas voces e instrumentos»

Francesca simonelli / j. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Pechará o festival o domingo na Quintana cunha ambiciosa actuación coa súa banda

24 jul 2026 . Actualizado a las 14:48 h.

O gaiteiro, produtor e cantante Xosé Manuel Budiño encabeza este ano o Trad Fest, unha iniciativa que se celebrará este domingo e que busca achegar a música folk a todas as xeracións. Para culminar unha xornada de máis de doce horas na que o folclore encherá o casco histórico de Compostela, o artista prepara un especial concerto —ás 23 horas— co que invitará ao público a participar na súa duodécima actuación na praza da Quintana.

—Que ten preparado para o Trad Fest?

—Levo unha banda coa que estou contentísimo, porque son xente moi nova, con fonda raíz do tradicional, pero que tamén estudan jazz e música contemporánea. Son Marina Vidal, Fran Barcia, Andrés Voutoureira e Isma Marcos, todos cantan e iso é algo que me apetecía moito buscar. Este domingo traemos unha proposta baseada no meu último traballo, «Branca Vela», pero tamén faremos un percorrido polos oito discos que teño publicados, ademais de facer unha mención especial a dúas cancións que compuxen para a cidade cando eu vivía aquí. Unha chámase «Compostela» e outra «Santiago». O que imos presentar é un concerto con moita enerxía, moito baile e moitas voces e instrumentos.

—O seu último álbum, «Branca Vela», xa é do 2023. Ten algún outro proxecto camiño?

—Si, porque o ano que ven é un ano especial. O aniversario da publicación do meu primeiro disco, «Paralaia», vai coincidir co Xacobeo. Son trinta anos na produción musical, polo que estamos preparando algo importante, un espectáculo distinto.

—Como describiría vostede a súa evolución nestas tres décadas?

—Empecei case de xeito espontáneo, nun pobo onde as asociacións culturais foron clave para que os rapaces puidéramos aprender os códigos da música tradicional. Crieime nesa contorna musical e a partir de alí comecei a ir a concursos. De repente vinme tocando na praza do Toural, e aí descubrín que quería dedicarme profesionalmente a esta música. Mesmo cando compuxen o meu primeiro disco no 1997, «Paralaia», foi tamén un pouco sen pensalo. De repente estaba tocando en Siria, Xordania e Líbano. Foron viaxes moi máxicas. Pero de todos os sitios, A Quintana é o máis especial. E este domingo eu celebrarei a miña duodécima actuación nesta praza. Paréceme incrible porque tamén hai un traballo longo e con moito apoio da xente que estaba nos bares, nas salas e nas prazas pequenas ata chegar a tocar na Quintana, o escenario ao que máis apego e máis cariño lle teño no mundo.

—Como xorde a idea de combinar o tradicional co contemporáneo?

—Supoño que é a conexión coa música sen prexuízos. Desde que era pequeno crieime tocando música tradicional, pero ao mesmo tempo absorbía todos eses estilos que me chegaban por outros sitios. E logo de ver moitos concertos e que me gustaran moito outros tipos de música, pensei: «Por que non facer a miña propia visión do que sento? Que é unha raíz moi potente da música tradicional, cos pés ben na terra». Así, a miña música é como unha árbore que se vai estendendo polas ramas e que vai buscando o sol por algún sitio.

—Que é o que quere transmitir ao público coa súa proposta?

—Creo que hai unha cousa importante e que aprendes unha vez viaxas moito. Cando nesas viaxes tes que conectar co público é cando realmente descobres que a forza está na túa raíz. Teño a sorte de ter un instrumento tan máxico como é a gaita, coa que conectas en calquera parte do mundo. Si que busco que o público teña moi presente sempre a música galega, aínda que non fago exactamente música tradicional, porque eu crieime nesa cultura, que para min non é un museo. A tradición é algo que se constrúe día a día e que vai adoptando formas novas. Creo que aí está a importancia, neste caso do Trad Fest, de atraer cada ano a xente nova que ao mellor non tiña contacto con esta música e que de repente, sen ningún tipo de prexuízo, poida estar bailando ou cantando. Por iso é necesario que artistas novos e artistas consolidados estean sempre mesturados nos festivais, que é o camiño que está seguindo o Trad Fest, de mesturar todas as idades nun mesmo contexto musical.

Xoán A. Soler

Ao ritmo de Julian Marley

A Quintana acolleu a súa segunda cita musical da programación das festas cun encontro con proxección internacional. Despois dunha mañá na que a danza urbana tomou a praza, o cantante británico Julian Marley, fillo do emblemático artista xamaicano Bob Marley, levou o seu característico estilo reggae ao escenario. foto xoán A. soler

Unha tarde infantil coa Festa Pícara

Os máis pequenos desfrutaron dunha tarde de obradoiros e xogos para divertirse en familia. O parque de Galeras foi o punto de encontro da Festa Pícara, que contou coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, ademais dun concerto especial da agrupación Gramola Gominola, que celebrou o seu décimo aniversario. foto jacobo rodríguez