O Trad Fest ofrece unha interpretación moderna da música e baile tradicionais

FRANCESCA SIMONELLI / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Jacobo Sutil, director de Agadic; o músico Xosé Manuel Budiño; a concelleira de Festas, Pilar Lueiro; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo; e Vítor Belho, responsable da produtora Nordesía, na presentación do Trad Fest
Jacobo Sutil, director de Agadic; o músico Xosé Manuel Budiño; a concelleira de Festas, Pilar Lueiro; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo; e Vítor Belho, responsable da produtora Nordesía, na presentación do Trad Fest XOAN A. SOLER

O festival celebrarase este domingo en tres puntos da zona vella

23 jul 2026 . Actualizado a las 22:00 h.

A música tradicional galega cun xiro moderno será a protagonista este domingo na praza da Quintana, Mazarelos e a Igrexa da Universidade coa nova edición do Trad Fest, unha iniciativa promovida polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia que agrupará durante máis de doce horas a trece artistas referentes na música popular e de proxección internacional. Neste novo encontro, os encargados de poñer o broche de ouro na Quintana serán a pandeireteira e vocalista Felisa Segade —quen repite este ano co seu máis recente proxecto, baseado na música de saxo—, e o gaiteiro e compositor Budiño, quen chega cunha nova banda coa que repasará a súa traxectoria musical nunha ambiciosa proposta audiovisual.

O programa busca reivindicar a música folk con proxectos innovadores que achegan a tradición ás novas xeracións. Este ano o Compostela Trad Fest aposta polo centro do casco monumental como escenario principal e reúne intérpretes de distintas procedencias co fin de crear un diálogo internacional a través da música. O portugués O Gajo, quen se move entre o folk, o rock e a tradición coa viola campaniça; e a colaboración entre Allan MacDonald e Chick McAuley, representantes da conexión sonora entre Galicia e Escocia, son algúns dos exemplos da dimensión internacional que o festival busca acadar.

Co Trad Fest lugares emblemáticos de Compostela acollerán un día de concertos, foliadas e actividades formativas de acceso libre e gratuíto nas que a celebración da música popular será o fío condutor. Algúns artistas, mesmo, converterán os espazos en parte da actuación, como o coro Vox Stellae, que empregará o singular órgano da Igrexa da Universidade na súa actuación. Tamén destaca a proposta da Banda Municipal, que coa colaboración de Pedro Lamas presentará «Horizonte Tradi».

O Compostela Trad Fest é promovido por La Voz de Galicia e o Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e da empresa Espina & Delfín. A produción é de Nordesía e aCentral Folque.

Máis de doce horas de folclore de vangarda no casco histórico

A programación comezará ao mediodía deste domingo na Quintana coa Banda de Santiago. Ás 12.30 a compositora Ana Alcaide levará a súa proposta, «A maxia dos instrumentos antigos», á Igrexa da Universidade. As actuacións da mañá rematan na praza de Mazarelos con Martin Bruhn, quen ás 13.30 presentará o folclore propio de Arxentina.

Na Igrexa da USC retómase o programa coa actuación do coro Vox Stellae ás 16 horas. A continuación, o mesmo escenario converterase nun espazo lusófono con O Gajo ás 19.45, que ofrecerá unha proposta musical que transita entre o folk e o rock pesado. Entre as 17.00 e as 18.45 horas Mazarelos reunirá ao grupo de pandeireteiras Ferrinhas Bravas; a agrupación Faíscas da Pontraga e ao grupo Os da Porfía, que celebra o seu décimo aniversario.

A última cita de Mazarelos estará protagonizada polos escoceses Allan MacDonald e Chick McAuley, ás 20.30. Finalmente, Felisa Segade ás 22 horas e Budiño ás 23, serán os artistas encargados de pechar esta oitava edición do Trad Fest na praza da Quintana.

Unha iniciativa para amosar o crecemento da escena musical galega

Na presentación da programación do festival, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou que o máis característico do Trad Fest é «o ambiente interxeracional que se xera», e subliñou como constitúe unha oportunidade para reunirse con amigos e familia. Pola súa parte, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, sinalou que se trata dunha proposta que «intenta chegar a toda a xente de Galicia e ao mesmo tempo atraer xente de fóra para que veñan a disfrutar das festas». Segundo o Gómez Román, é un exemplo máis de como Santiago está a converterse na capital da música en directo para Galicia.

Igualmente, o director de Nordesía, Vítor Belho, apuntou que Galicia xa está a ser un fenómeno musical «moi significativo e relevante en Europa», e mesmo expresou que na actualidade, o tradicional non é algo que se está recuperando, senón algo «que está vivo e que se pode ver nas rúas, nas prazas, e na cantidade de mozos e mozas que participan na música tradicional sen códigos preestablecidos».

O artista que encabeza o cartel desta edición, Xosé Manuel Budiño, fixo fincapé en como a súa vida profesional está ligada a Compostela. «A primeira vez que subín á Quintana foi como un logro inesperado», comentou o gaiteiro, e mesmo lembrou que esta será a súa duodécima vez tocando na praza, aínda que a primeira no marco do Trad Fest.