Bota a andar un estudo sobre o patrimonio lúdico nos concellos galegos do Camiño Francés
SANTIAGO
O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego iniciou, coa recollida de datos, un proxecto de investigación sobre os xogos populares
25 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os doce municipios galegos do Camiño Francés son estes días o terreo sobre o que están a traballar varios integrantes do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego que iniciaron, coa recollida de datos, un proxecto de investigación sobre os xogos populares con arraigamento na principal ruta de peregrinación a Santiago. O profesor Apolinar Varela dirixe o traballo, «co que se busca contribuír ao estudo e á difusión dos valores asociados aos Camiños, neste caso tratando de probar tamén de que maneira o propio Camiño francés contribuíu ao intercambio lúdico ao longo dos séculos», explican dende o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego.
Xosé López e Xosé Manuel García, do Museo O Recuncho das Argalladas, de Vilanova de Lourenzá; e Manolo Charrancas e Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, son os investigadores que desenvolven o traballo de campo, que agardan se prolongue ao longo de toda a semana. Logo da recollida de datos e de información, procederase ao seu tratamento nos vindeiros meses, coa previsión de, finalmente, facer públicas as conclusións cara a finais de ano. Tamén forman parte do equipo de investigación que participa no proxecto as profesoras Silvia López Gómez e Manuela V. Coto, igualmente integrantes do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego.
A radiografía sobre a presenza do xogo popular e tradicional nos concellos coruñeses de Melide, Arzúa, O Pino e Santiago, e nos lucenses de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei impulsouse coa contribución económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Concretamente, ao abeiro da novena convocatoria de axudas á investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións, a través da Cátedra dos Camiños de Santiago e das Peregrinacións.