Teatro, rutas históricas, música e unha mostra para celebrar o Orgullo fronte á LGTBIfobia

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Goretti Sanmartín presentou as actividades polo Día do Orgullo, xunto coa directora do CIM, Rita Barreiro, en Raxoi.
Goretti Sanmartín presentou as actividades polo Día do Orgullo, xunto coa directora do CIM, Rita Barreiro, en Raxoi.

O Concello de Santiago pon en marcha a campaña «Contra o odio: rede, cultura e orgullo»

13 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Contra o odio: rede, cultura e orgullo». Ese será o lema co que o Concello de Santiago celebrará este ano o Día do Orgullo e as actividades que promove durante a segunda quincena de xuño para lle dar visibilidade á diversidade e facer fronte ao incremento da LGTBIfobia, sobre a que onte advertiu a alcaldesa, Goretti Sanmartín, na presentación desa programación. A rexedora falou de tempos de involución e de mensaxes «terribles de odio e acoso contra o colectivo LGBTIQ+», actitudes que deberían estar «totalmente desterradas no século XXI» e ante as que invitou a celebrar a diversidade e a reclamar os dereitos de maneira festiva.

A campaña, que circula xa en autobuses da cidade e que chegará ás redes sociais e a locais de hostalaría e comercio, basea a súa mensaxe neses tres piares, rede, cultura e orgullo, tomando a rede como a forma de fortalecer os espazos de apoio mutuo e a colaboración entre institucións e o tecido asociativo; a cultura como ferramenta de sensibilización; e o orgullo como a maneira de reivindicar as identidades diversas.

O programa, que a alcaldesa presentou coa directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rita Barreiro, arrancará o día 15 coa representación da obra teatral «Travesía Unicornio», de Teatro Ghazafelhos, no parque de Bonaval. Vai dirixida ao público familiar para fomentar valores de respecto e diversidade. O 19 haberá o roteiro «Vida e historias LGBT da Compostela medieval e moderna», que guiará Carlos Callón para visibilizar a memoria histórica e realidades LGBT máis aló da idade contemporánea. Para participar é precisa inscrición previa a través do formulario ao que se pode acceder co código QR do folleto informativo da programación.

Do 22 ao 28, no centro sociocultural do Ensanche, ofrecerase a instalación artística comunitaria «Rostros e corpos contra o odio», onde os cidadáns poderán participar compartindo mensaxes e reflexións, mentres que o xoves 25 haberá o faladoiro «Contra o odio: orgullo» na Casa Xohana Torres. Será un espazo de análise e diálogo con Xandre Garrido López sobre a situación actual da LGTBIfobia e o impacto dos discursos de odio.

O programa concluirá o 27, coa Gala do Orgullo, o evento central da campaña e que contará con actuacións musicais (O Xoán, Pídechas o corpo), drag (Amanda Carallo) e a entrega de premios do certame de poesía de Avante LGBT+. Será en Mazarelos. O día antes, o 26, diante do Concello, darase lectura ao manifesto que a corporación municipal aprobou no pleno de maio polo Día do Orgullo.