A Filharmonía abre a tempada de verán nos barrios coa estrea de César Ramos como director asistente
SANTIAGO
Este xoves actuará na Casa das Máquinas en Galeras e mañá, en Conxo
11 jun 2026 . Actualizado a las 04:50 h.O concerto na Casa das Máquinas esta tarde alzará o pano da tempada de verán da Real Filharmonía de Galicia. Ata mediados de agosto, ademais de ofrecer cinco actuacións en Santiago, a orquestra participará no festival de Espinho (Portugal), no Noia Harp Fest, no Galicia Clarinet Fest de Lalín e no Bal y Gay, en Ribadeo.
Este inicio de tempada estival achegando a música aos barrios composteláns tamén suporá a estrea na batuta da Filharmonía como director asistente de César Ramos, despois de alzarse como gañador do proceso aberto a finais do ano pasado. O mestre cubano asentado nos Países Baixos dirixirá tanto o concerto desta tarde a partir das 20 horas na Casa das Máquinas como o de mañá, a mesma hora, na igrexa de Conxo. A orquestra interpretará pezas de Rossini, Schubert, Mozart, Rodríguez e Haydn. Ademais, estes concertos contarán coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) como solistas para reforzar a colaboración entre ambas as institucións e apostar pola formación e proxección das novas xeracións de intérpretes. A entrada é libre ata completar a capacidade.
A seguinte cita da orquestra será o vindeiro xoves 18 no Auditorio de Galicia (20 horas). Baixo a batuta do director titular, Baldur Brönnimann, ofrecerá un programa sorpresa no que se desvelarán as principais liñas artísticas e propostas da vindeira tempada. Dous días despois, a Filharmonía participará no Festival Internacional de Música de Espinho, en Portugal.
Xa no mes de xullo, chegarán dous novos concertos en Santiago. O día 17, ás 20 horas, na igrexa de Santo Agostiño, mentres que o día 22, ás 21 horas, terá lugar o tradicional concerto das Festas do Apóstolo na praza da Quintana (21 horas). A partir de aí, a xira continuará coa participación da Filharmonía no Noia Harp Fest (29 de xullo), Galicia Clarinet Fest de Lalín (7 de agosto) e no festival Bal y Gay na Igrexa de Santa María do Campo (Ribadeo).
Desde a entidade destacan que con esta programación o obxectivo é expandir a música máis alá dos auditorios convencionais e fortalecer o vínculo coa cidadanía a través de propostas accesibles e abertas.