O colexio Agro do Muíño recolle hoxe o premio provincial de Voz Natura
10 jun 2026 . Actualizado a las 22:01 h.«No nos esperábamos el premio, porque no pensábamos que nuestro trabajo diario, siendo responsables con el planeta, fuese a destacar. Pero como me decía una compañera, está bien que reconozcan la labor que hacemos». Así valora a profesora Yolanda González, coordinadora do programa Voz Natura no CEIP Agro do Muíño de Ortoño, o premio que hoxe recollerán no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre como gañadores na provincia da Coruña, cunha dotación de 2.000 euros para actividades ambientais, co patrocinio de Gadisa.
O colexio amesán leva moitos anos participando na iniciativa de La Voz de Galicia, Radio Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Neste curso fixérono co proxecto Agronautas, orbitando en verde, que implicou a medio milleiro de escolares do centro, e en coordinación, como cada ano, con Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente do Concello de Ames, no deseño de actividades para o alumnado.
Como a limpeza da praia fluvial de Tapia no mes de marzo, que levou ao alumnado de cuarto de Primaria a retirar lixo da contorna ao tempo que coñecían a flora e a fauna da ribeira do río Tambre. Foi unha da vintena de propostas que traballou o centro para concienciar sobre a influencia do ser humano no cambio climático. Tamén realizaron unha saída semellante á praia da Aguieira, en Porto do Son, e a pasada semana ao parque de San Roque, en Ribeira, antes de coñecer o centro de interpretación de Corrubedo e gozar das espectaculares vistas desde A Curota.
No recinto escolar
Actividades fóra do centro que se complementan co intenso traballo ambiental dentro do propio recinto escolar. Ese labor que realizan as Patrullas Verdes de Agro do Muíño, que xa en Educación Infantil recollen nas súas merendas os restos orgánicos para depositalos nos composteiros do colexio, onde se ensina a importancia da reciclaxe. Deste xeito, non se mercaron cubos para almacenar ese material, senón que se reutilizan os grandes envases de iogur que lles cede o concello tras seren utilizados na rede municipal de comedores escolares.
Esas patrullas, por quendas e por cursos ata sexto de Primaria, encárganse de alimentar os composteiros: con máis entusiasmo ao principio ca cando, en pleno proceso de compostaxe, comezan a aparecer os mosquitos. Este ano coñeceron os segredos do proceso nun obradoiro que os levou a descubrir como os refugallos da súa comida acaban transformándose nun humus que alimenta o seu invernadoiro. Alí plantaron os alumnos e alumnas de terceiro, que hoxe recollen o premio, leitugas, acelgas, tirabeques, coliflor, brócoli e tomates cherry.
Eles, que, como comenta Yolanda, xa fixeran as contas da leiteira con todo o diñeiro que poderían obter por unha produción que non chegou ao mercado, porque a repartiron entre eles. Nun centro que produce desde plantas ornamentais ata amorodos. Todo un mundo en verde que obtivo o seu merecido galardón.