A contorna da Colexiata acollerá o festival desde o venres ao domingo
02 jun 2026 . Actualizado a las 04:50 h.Cultura e gastronomía. Folk e outros estilos musicais. Patrimonio inmaterial e histórico. Folk na Beira do Sar, Xornadas de Cultura e Convivencia no Camiño, celebrará a súa quinta edición deste este venres ata o domingo coa contorna da Colexiata de Sar como principal referente. A intención é ofrecer «un festival inclusivo, diverso e aberto a todos os públicos, porque queremos que haxa unha interconexión xeracional», afirmou Rafael Sexto, da Asociación Folclórica Colexiata do Sar.
As actividades comezarán o venres cunha actuación do colectivo organizador no centro comercial As Cancelas (18.30 horas). Despois, as propostas xa se trasladan á zona da Colexiata, onde ás 19.30 horas se inaugurará a exposición de máquinas de coser antigas e, a partir das 22 horas, actuará o grupo de rock galego Astarot. «Intentaremos facer o repaso de 43 anos en activo e presentaremos o novo tema, ‘Somos'», afirmou José Manuel Piedra, membro do grupo.
O sábado as propostas comezarán ás 11 horas con animación para nenos, pasarrúas, mercado de artesanía e o Festival de Música Tradicional. A partir das 20 horas, haberá concertos de Faíscas da Pontraga, Xurxo Fernandes e Tiruleque. Nesta segunda xornada toma protagonismo tamén o apartado gastronómico, que chegará da man do cociñeiro André Arzúa. «Faremos tres pases —ás 11.30, 13.30 e 18.30 horas— e elaboraremos tres petiscos», indicou o cociñeiro, que resaltou que contarán tamén coa «sumiller» Nuria Quintela, que fará a maridaxe cos viños. Onte aínda quedaban prazas sen cubrir. O domingo, ademais de pasarrúas, cabezudos e sesións, destaca o concerto de Carlos Núñez (20 horas, desde 21 euros).
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou que o festival conxuga o apoio á cultura tradicional, á lingua galega e a visibilización do patrimonio. Pola súa banda, Ricardo Sanjurjo, párroco da Colexiata, incidiu en que esta cita «non só pon cultura, senón tamén convivencia».