Manuel Portas: «Imaxina o que é mover caixas durante un traslado do instituto e atopar o expediente de Castelao»
SANTIAGO
O exedil e escritor novela en «Mazarelos» a segunda etapa do instituto Xelmírez I de Santiago, polo que, no século XIX pasaron figuras centrais da intelectualidade galega. Nese centro, do que foi director, el impartiu clase durante máis de 40 anos
31 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Aos seus 66 anos admite que, pese á súa xubilación, non ten parada. «Entre a escrita, os eventos de libros, invitacións tan gostosas como ser pregoeiro no Banquete do Conxo ou a miña horta, sempre ando con cousas... Boto de menos o contacto cos rapaces e os compañeiros do instituto, pero tamén aprendín a medir o tempo doutra maneira...», confesa feliz Manuel Portas, o escritor e exconcelleiro que moitos composteláns lembran pola súa traxectoria de máis de 40 anos no IES Xelmírez I. Ese instituto, hoxe no campus sur, estaba antes en Mazarelos e foi con ese nome, Mazarelos, co que publicou á súa última novela. «Esa praza era antes coñecida como a do Instituto. Co libro quixen poñer en valor a historia dun centro que, no século XIX, era o único referente do ensino medio compostelán. Vía inxusto que non se soubese, ao igual que eu o descoñecía, que por el pasaron figuras centrais da intelectualidade galega. E como un pásao ben escribindo...», sorrí.
Nado, pola emigración, en Barcelona, creceu en Vilaxóan. «Son arousán por vía paterna e santiagués de adopción... Aquí cheguei con 17 anos para estudar Filoloxía Galego-Portuguesa, titulación que se impartía tamén nese edificio de Mazarelos», evoca. «De 1982 lembro as mobilizacións, xunto a Antón Reixa e o actor Sito Parada, para que o galego entrase en COU, como por lei lle correspondía...», apunta e explica que, tras uns inicios como profesor en Cambados, foi no Xelmírez I onde se estableceu, chegando en diferentes etapas a ser o seu director. «Dese período uédome co ben que responde o profesorado cando o estimulas, como co Festival Intercentros de Teatro Escolar. Nomeáronme director sendo eu o profesor máis novo do claustro e aí tiven que facer de equilibrista entre os que defendían, e os que non, o Bacharelato Experimental. Nel fixemos cousas innovadoras, como levar aos rapaces a ver como se vivía no Courel e logo en Lisboa ou París», prosegue quen logo foi tamén edil co BNG en Raxoi desde 1999 ata o 2007. «Encantoume levar Deportes e Asociacións de veciños, dúas áreas de estruturas arriagadas e ás que só había que axudar a dinamizar. Aprobamos tamén o primeiro plan de normalización lingüística do país», realza. «No instituto, sendo director, nunca deixei de dar clase, de galego ou portugués», reforza.
Volvendo ao centro, ao que regresou tralo seu paso pola política, afonda na súa historia. «A súa pegada puido quedar eclipsada polas sucesivas mudanzas. O instituto naceu en 1845 en San Xerome —sede do actual reitorado da USC—. Aos dous anos, estableceuse en Mazarelos. De aí, e ata 1964, ficou en San Caetano e, en 1985, foi para o campus sur. Nese último cambio, sendo eu director, atopamos unhas caixas con documentación histórica, moitas en malas condicións. Semella de película, pero ao movelas, o primeiro papel que me quedou nas mans foi o expediente académico de Castelao. Imaxina a sorpresa, e o meu inicial escepticismo ao ver un suspenso en Preceptiva literaria», sorrí. «A partir de aí localizamos moitos nomes de galegos relevantes que estudaran ou se examinaran nel. Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Montero Ríos, Manuel Antonio, Eugenio Granell...», enumera. «Na documentación tivo un gran papel José María Díaz, logo deán na Catedral. El era profesor no instituto. Tiña sentimento de culpa porque, en vez de Relixión, daba a materia Arquivos e Bibliotecas, algo novo. Eu chanceaba con el e nisto veuse a importancia do seu traballo. O centro gardaba xoias como unha primeira edición dunha Enciclopedia francesa. O meu desvelo foi conservar todo. Logo abrimos un pequeno museo e quixen escribir sobre esa etapa», aclara.
«Dous alumnos foran dos tres que organizaran o Banquete de Conxo e iso permitiume situar o libro nese tempo. A narradora expón que non é unha obra histórica, aínda que si ten moitos datos reais, como que enriba do instituto vivía un carpinteiro», afirma. «Os lectores dinme que valoran que humanice a figuras como Murguía», razoa, e subliña datos que lle sorprenderon.
«Eu tiña a idea dun Santiago anódino e atopei un de moita vida e xogo dialéctico, cunha burguesía á alza, e na que mozos organizaban un banquete á imitación dos franceses... É bo escarvar na historia. Agora quero descansar, pero no futuro non descarto escribir sobre os anos 20 e 30 dese efervescente instituto», avanza.