A Reixa Bar, en Santiago, festexa este venres 30 anos: «Foi especial cando tocaron Los Enemigos; centos de persoas non puideron entrar»

La Voz

SANTIAGO

Degüello, que estará hoxe na festa de aniversario, actuando diante do local de A Reixa en Tras Salomé con motivo do Feito a Man
Degüello, que estará hoxe na festa de aniversario, actuando diante do local de A Reixa en Tras Salomé con motivo do Feito a Man MALENA FERNÁNDEZ

A celebración comenzará ás 13 horas no exterior do propio local con sesión vermú con Pretty e pola noite continuará con actuacións na Capitol de Mega Purple Sex Toy Kit e Degüello

22 may 2026 . Actualizado a las 07:33 h.

A principios de 1996 en Tras Salomé, 3, unha vella taberna tomaba un novo rumbo para converterse en punto de referencia a base de rock: A Reixa Bar. Detrás dese cambio estaban Mikel Silva e Andrés Villasenín. «Gustábanos moito a música rock e eramos amigos desde chavales. Saiamos do instituto e ao ver a vella taberna diciamos: ‘Que sitio máis chulo!’. Ao final, conseguimos facernos con ela e pouco a pouco fomos creando esa pequena escola musical de rock, que é un referente a nivel galego», rememora Mikel Silva, que desde hai uns oito anos seguiu en solitario á fronte do local que hoxe festexa as tres décadas de vida.

A celebración terá dobre escenario. No exterior do propio local, ás 13 horas, comezará a sesión vermú, pero a música non se deterá ata a tardiña. Poñerana Pretty e os DJ Blue Mouse e Malandra. Despois, a partir das 20 horas, a festa trasládase a Capitol (15 euros) para ofrecer «unha fenomenal noite de psicodelia e rock ‘n’ roll» con Mega Purple Sex Toy Kit e Degüello. Os grupos participantes están tamén moi vinculados á traxectoria do local. «Todos eles son familia, seguen a nosa liña. É un día para a xente da Reixa, para os rockandroleiros», resalta Mikel Silva.

Algún momento especial nestes 30 anos? «Houbo moitos. Pero houbo un especial que foi cando tocaron Los Enemigos. Era un día calquera da semana pola tarde, non se cobraba entrada, entón, imaxínate como estaba a rúa, había centos de persoas que non podían entrar. Los Enemigos en Santiago nun bar pola tarde: esa foi unha xornada inesquecible», responde, lembrando tamén o paso de amigos como Luis Tosar, «que sempre estivo aí con nós». Houbo moita evolución nestes 30 anos? «Cambiou en xeral en Santiago. Antes había moitos máis músicos na rúa, máis concertos bos; por exemplo, a Ascensión era marabillosa. Santiago é distinto pero hai locais que seguimos facendo o mesmo, intentando traer ao público rockandrolleiro», di. E así queren continuar: «Hai público para o rock, en Santiago e fóra; moita xente vén de Vigo, da Coruña...».