Cantometrics inicia en Santiago o seu percorrido co disco inspirado nas fotos de Ruth Matilda Anderson
SANTIAGO
O quinteto actúa este venres na Casa das Crechas: «Haberá temas que aínda non se escoitaron»
20 may 2026 . Actualizado a las 04:55 h.Venres • 21 horas • Casa das Crechas • 10 euros • Cantometrics publica este xoves o seu segundo disco, «Efémeras», e un día despois iniciará a súa andaina en directo con el nun concerto na Casa das Crechas. Se no seu primeiro traballo o cerne estivera no arquivo sonoro de Alan Lomax, nesta ocasión toman como referencia o arquivo fotográfico de Ruth Matilda Anderson con motivo da súa viaxe hai un século por Galicia. «En primeira instancia identificamos cales eran os seus intereses á hora de tomar as fotos e lemos os seus diarios para mirar en que se inspiraba. A partir de aí collemos dúas rutas. Por un lado, seguimos a ruta que ela fixo tirando de arquivos actuais de recollidas desas vilas nas que estivo. O outro enfoque estivo nas áreas de traballo, por exemplo, os cantos dos arrieiros», detalla Marina Vigo, que xunto con Luís Bolón, Sandra Pérez, Nébeda Piñeiro e Roberto Comesaña integra o quinteto.
As orixes de «Efémeras» hainas que buscar nunha residencia da Deputación no pazo de Mariñán. «Aí pensamos nun proxecto audiovisual orientado ao directo», lembra Marina Vigo. Porén, co tempo evolucionou con novas músicas e decidiron convertelo en disco. Ademais, os concertos non se cinguirán aos oito temas que conforman o traballo en diálogo coas imaxes de Anderson, senón que irán máis alá. «Hai músicas que aínda non se escoitaron e que tampouco están no disco, así que hai que ir aos concertos», anima a integrante do quinteto Cantometrics.
Á hora de poñerlle música a esas imaxes de Anderson, inspiráronse en melodías tradicionais e, a partir de aí, desenvolveron a súa proposta. «Está esa mestura entre o familiar e o querer achegar algo novo», remarca Marina Vigo, incidindo en que «Efémeras» pode seguir medrando: «Ela sacou milleiros de fotos e hai moita música recollida na que inspirarse». Polo de agora, inician a xira en Santiago.