Máis de 300 persoas poñen voz e música a Manuel María o día 30 no Auditorio de Galicia

La Voz

SANTIAGO

Santiago acolleu este luns a presentación do concerto, que forma parte da programación das Letras Galegas
Santiago acolleu este luns a presentación do concerto, que forma parte da programación das Letras Galegas .

As entradas para o concerto pódense retirar desde este martes de xeito gratuito

19 may 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

Día 30 • 20.30 horas • Auditorio de Galicia • Entrada gratuíta previa retirada de convites • As Letras Galegas teñen continuidade en Santiago. O vindeiro día 30 chegará o concerto «As rúas do vento ceibe», unha proposta de gran formato que toma o nome dun libro do poeta Manuel María e que musicará tanto poemas seus como de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro. De que resoen sobre o escenario encargaranse máis de 300 voces e músicos. A interpretación correrá a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, coa participación da mezzosoprano Julia Portela Piñón, e dun coro mixto integrado polos coros Thalassa de Marín, Hospital de Lugo, Liceo de Vilagarcía, Solfa de Compostela e a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Ademais, actuará un coro xuvenil conformado polo IES A Xunqueira de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e o Peque Coro In Crecendo do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. A dirección musical correrá a cargo de David Fiuza, director da Banda Municipal de Santiago.

«É un espectáculo que une a forza da poesía galega coa creación musical contemporánea. Polo tanto, é unha mostra do mellor da nosa cultura», manifestou a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, que presentou a iniciativa acompañada pola responsable de Cultura da Deputación coruñesa, Natividade González; o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; e a presidenta da Asociación Cultural Solfa, Lucía Carreira. «Este concerto nace como unha homenaxe emocionante á nosa literatura, á nosa música e, sobre todo, á nosa identidade», remarcou a representante do organismo provincial.

O proxecto, que xa se estreou recentemente en Lugo, foi impulsado pola Fundación Manuel María, que encargou ao compositor Xosé Carlos Seráns Olveira a creación musical a partir de versos de Manuel María, ao que se lle suman dúas pezas sobre creacións de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro. «Manuel María está moi presente na música galega, xa que despois de Rosalía é o poeta máis musicado. É un clásico e os clásicos nunca pasan de moda. El fálanos do que somos como pobo, do que queremos ser; fálanos da nosa lingua, da nosa cultura..., polo que segue tendo total vixencia», remarcou o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede.

Os convites para o concerto poderán retirarse desde este martes de xeito presencial na Zona C e a través de internet na web de Compostela Cultura.