Eugenio Granell, único gran parque de Santiago no que se licitará de novo a cafetaría
SANTIAGO
O Concello non prevé, a curto prazo, ofertar as de Granxa do Xesto e Berce do Sar, que ao igual que a do Restollal quedaron desertas no concurso do pasado ano
19 may 2026 . Actualizado a las 09:10 h.Eugenio Granell é o único dos grandes parques de Santiago con posibilidades de volver contar con cafetaría en plena natureza a curto prazo. O Concello compostelán sacara a concurso en maio do pasado ano a xestión das cafetarías situadas tanto nese espazo como en Granxa do Xesto (ao pé do Pedroso) e en Berce do Sar (xunto ao Polígono da Sionlla), pero o trámite quedou deserto nos tres casos, ao non presentarse ningunha oferta por estes establecementos. Estes dous últimos eran os que tiñan un canon mínimo de explotación máis baixo, fixado en 1.650 euros, aínda que con distinta duración: seis anos no do Pedroso, prorrogable por outros dous, e catro anos en Berce do Sar. O goberno considera que eran «requisitos económicos mínimos», pese ao que non espertaron interese no sector. Neste contexto e aínda que ningún dos dous equipamentos hostaleiros presentan necesidades de grandes arranxos, o executivo local avanza que non ten previsto volver a ofertalos a curto prazo.
Distinta é a situación da cafetaría do parque Eugenio Granell, na que o Concello centra os seus esforzos para que volva abrir máis cedo que tarde. Pechada dende decembro do 2024, o deterioro que sufriu neste ano e medio sen uso fai necesarias obras de recuperación na súa estrutura de madeira. É a cuestión na que se traballa desde Raxoi, dando os pasos necesarios para afrontar eses traballos. Non será un proxecto de gran calado, polo que a súa execución podería non ir máis alá de tres ou catro semanas. O Concello volverá ofertar a xestión destas dependencias para a súa reapertura. Serán as mesmas condicións que as fixadas o ano pasado, cando o executivo establecera un canon mínimo de explotación de 3.225 euros, pero coa vantaxe de que quen se faga coa cafetaría non terá que asumir os custes dos arranxos previos.
O PSOE advertira en marzo que a falta de previsión do goberno local con estas licitacións deixaría aos parques de novo sen servizo na primavera e verán.
Deterioro dos locais hostaleiros e dos espazos verdes contiguos
O estado de abandono das instalacións hostaleiras dos parques municipais, de deseño moi coidado atendendo á contorna natural onde se sitúan, vai precisar un investimento previo á súa reapertura, no caso de producirse. Sobre todo na sinalada como prioritaria polo goberno municipal, a do parque Eugenio Granell, porque é a máis deteriorada. As pintadas manchan as súas paredes de madeira, e as táboas do chan tamén deben ser reparadas ou repostas alí onde desapareceron, así como a instalación eléctrica exterior ou a limpeza da cuberta, que semella unha selva.
En todos os casos, o peche e abandono das cafetarías leva consigo un deterioro do seu espazo verde máis inmediato, antes coidado, onde agora a herba medra sen control, hai lixo e sofre as consecuencias da falta de mantemento, da que son responsables os servizos municipais.