A música galega, gran protagonista no novo ciclo da Banda Municipal de Santiago

La Voz

SANTIAGO

A Banda Municipal de Santiago
A Banda Municipal de Santiago PACO RODRÍGUEZ

As primeiras actuacións serán este xoves e o domingo no marco das Festas da Ascensión

12 may 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

Unha ducia de concertos conforman a programación do terceiro ciclo da temporada «Escoita, sinte e desfruta!» da Banda Municipal de Santiago, que se desenvolverá desde as Festas da Ascensión ata as Festas do Apóstolo. Durante este tempo, a formación dirixida por David Fiuza participará en tres festivais: o Galaico Brass, o FestiSax Compostela e o TradiFest. Durante estes programas terá especial protagonismo a música galega, aínda que tamén haberá pasodobre, zarzuela, ademais de achegarse a Broadway e á música pop, segundo explicaron onte a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da formación.

«Os tres programas das festas serán o cen por cen de música galega», resaltou David Fiuza. O primeiro será este xoves, coa banda acompañada pola Agrupación Folclórica Colexiata do Sar. «O que facemos é arranxos sobre o seu repertorio», engadiu. O domingo Día das Letras Galegas, o programa incluirá «música folclórica actual para banda, é dicir, desde o punto de vista sinfónico, pero é música popular. Son todo compositores moi recentes; a obra máis antiga ten quince anos». Xa durante as Festas do Apóstolo, a Banda Municipal formará parte do TradFest. Contará con artistas emerxentes e un programa enfocado nos instrumentos folk, como a gaita e a zanfona, o acordeón e a frauta. Contarán con María López, Nuno Estévez e Ernesto Martínez.

Por outra parte, o vindeiro día 21, o concerto de Praterías da Banda estará dedicado ás bandas sonoras de películas, mentres que o do día 28 porá o foco na zarzuela. En xuño, haberá pasodobre, ópera e rock.