Unha cita para presumir tamén do tradicional folclore melidao

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Banda Grileira actúa co seu tributo á música galega do século XX

09 may 2026 . Actualizado a las 12:23 h.

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide non é só unha cita para gozar co sentido do gusto. Porque ademais de ser terra de panadeiros e de reposteiros, Melide é berce de gaiteiros. E a convocatoria gastronómica máis doce de toda Galicia exhibe esta fin de semana a tradición musical que manteñen con vida os melidenses, subindo ao escenario e confiando a animación de rúa a diferentes agrupacións locais. Así é como Froito Novo, Os da Taberna e a banda da escola de baile e música tradicionais Herba Grileira comparten cartel con Sabela.

A artista das Pontes ofrecerá mañá o concerto de despedida da trixésimo cuarta edición da festa gastronómica de Melide, que este sábado presumirá de talento local no espectáculo que ofrecerá a Banda Grileira en homenaxe «a todas as bandas de música, charangas e murgas que ao longo do século XX puxeron en valor a música tradicional a través dos seus repertorios», conta Miki Varela, director creativo dunha proposta que move a máis de corenta músicos. A Praza das Coles, no casco vello, acollerá, a partir das seis da tarde, a actuación, cun repertorio «que mestura a música tradicional coa música sinfónica», avanza Varela. Dunha hora e cuarto de duración, este tributo á musica galega do século pasado está estruturado en catorce pezas, a través das que «se vai contando como a principios do século pasado as bandas de música substituíron nas preferencias do público á figura do gaiteiro», apunta o director artístico do proxecto para explicar, ao fío, que «o seu éxito introduciu na música tradicional novos instrumentos como o bombo con pratiños, o clarinete ou o saxofón. E tamén xurdiron —engade— novas formacións como as charangas e as murgas, onde os gaiteiros tocaban xunto a saxofonistas e clarinetistas».

A historia das bandas de música de Galicia e a súa influencia na música tradicional achegaráselle ao público en nove bloques, introducidos por unha voz en off. A actuación da Banda Grileira tamén lle servirá ao respectable para coñecer de primeira man o traballo que desenvolven no seo no que nace: unha escola melidense de música e baile tradicionais na que se forman máis de 150 persoas con idades entre os cinco e os 75 anos. A súa labor na transmisión da cultura musical galega é determinante para manter latente a tradición nunha terra de músicos como é Melide.

O bo facer de Herba Grileira non só se lle recoñece na casa, que pode esta fin de semana presumir de canteira; tamén no primeiro festival de músicas celtas do mundo, o que se celebra en Lorient. Ata esa cidade portuaria da Bretaña francesa viaxou unha delegación da escola melidense para representar a Galicia na última edición do festival internacional.