Álex Doval, alcalde de Oroso: «Arredor da troita construímos unha festa con identidade»

SANTIAGO

O rexedor aposta por una cita «completa» baseada na gastronomía, o deporte e os espectáculos: «Para vir en familia»

08 may 2026 . Actualizado a las 11:15 h.

Vai pola súa terceira Festa da Troita como alcalde de Oroso, unha cita que supón moito traballo pero ao mesmo tempo é un respiro nas dinámicas municipais para Álex Doval (Sigüeiro, 1990).

—Terá tres boas razóns a man para invitar á Festa da Troita esta fin de semana.

—A primeira é a gastronomía, porque a troita é a nosa gran protagonista e arredor dela construímos unha festa con identidade propia. A segunda é o deporte, cunha programación que mobiliza a moita xente e que tamén implica aos nosos nenos. E a terceira é a cultura, porque estes días Oroso énchese de música, tradición, actividades e convivencia. É unha festa para vir en familia, para gozar e para sentir o orgullo de Oroso.

—Hai algunha actuación á que lle teña moitas ganas?

—Teño ganas de todas, porque cada actuación ten o seu público e todas suman para facer unha festa completa. Pero é certo que me fai especial ilusión ver aos grupos tradicionais locais. Son xente de Oroso, levan o nome do concello por diante durante todo o ano e representan esa parte máis auténtica da festa. Para min é moi importante que a Festa da Troita sexa tamén un escaparate para o talento e a cultura local.

—Xa contou vostede que lle gustan as troitas fritidas con xamón, está disposto a innovar este ano?

—Sempre serei defensor da troita fritida con xamón, porque é un clásico que nunca falla. Pero tamén creo que as tradicións medran cando somos capaces de coidalas e, ao mesmo tempo, abrir novas posibilidades. Este ano teremos o venres un showcooking centrado en novas formas de presentar a troita, elevando a experiencia gastronómica e demostrando que este produto pode ter moito percorrido tamén na cociña máis actual.

—Estamos a uns meses do Xacobeo 2027, que expectativas teñen os concellos do Camiño Inglés?

Temos expectativas moi boas. O Camiño Inglés está a vivir un momento de crecemento e os concellos que formamos parte del temos unha responsabilidade clara: coidar o trazado, mellorar os servizos e aproveitar esta oportunidade para dinamizar o territorio. Oroso ten unha situación privilexiada, ás portas de Santiago, e queremos que quen pase por aquí non só camiñe, senón que pare, coñeza o noso comercio, a nosa hostalaría, a nosa paisaxe e a nosa xente. O prexacobeo debe servir para prepararnos mellor e para consolidar o Camiño Inglés como un motor cultural, turístico e económico.

—Vivimos tempos económicos complicados para as familias, pero tamén para os servizos públicos, cal é a situación do Concello de Oroso?

A situación é mellor que a que atopamos ao chegar ao goberno. Oroso remontou o voo e hoxe hai máis orde, máis planificación e máis capacidade de sacar proxectos adiante. Pero tampouco vou negar a realidade: os concellos soportamos cada vez máis presión económica e asumimos moitas competencias impropias que non sempre veñen acompañadas do financiamento necesario. Aínda así, a nosa obriga é traballar con responsabilidade, priorizar e estar sempre do lado do interese xeral dos veciños. Iso é o que estamos facendo.

—E as empresas do municipio, hai dinamismo?

—Oroso está vivo e iso nótase. Dende que son alcalde levamos arredor de 25 inauguracións de locais comerciais, negocios e establecementos de hostalaría. Iso é un bo sinal, porque demostra movemento económico, confianza e ganas de emprender. Evidentemente, o contexto nacional e internacional inflúe: a inflación, os custos, a incerteza política e económica afectan tamén aos nosos autónomos e empresas. Por iso dende o Concello temos que poñer facilidades, acompañar e xerar un municipio atractivo para vivir, traballar e investir.

—Pasado o verán chega a recta final do mandato, que queda pendente?

—Chegamos a esta parte do mandato cun 75 % do programa cumprido ou xa iniciado, e iso demostra que houbo planificación, traballo e palabra. Temos grandes actuacións en marcha, como a construción do local social de Oroso despois de décadas de espera; unha nova senda peonil entre as parroquias dos Ánxeles e Calvente; o aglomerado integral da práctica totalidade das rúas de Sigüeiro; ou a reforma integral da Escola Infantil Municipal da Ulloa. E tamén mostraremos proximamente o Plan Hurbe do Parque do Carboeiro, que conectará co xa feito na praza Isaac Díaz Pardo para ofrecer un grande espazo renovado, moderno e pensado para a veciñanza. Queda seguir cumprindo, ata o último día.

V

Doval ten intención de aproveitar ata o final do mandato «para seguir cumprindo»..