A obra de teatro escrita polo decano de Filosofía da USC, da que reivindica a súa actualidade: «Sócrates era incómodo e contestatario co sistema, pero acataba as leis»
SANTIAGO
A compañía Noite Bohemia, formada por novos actores, interpretará mañá na Praza de Mazarelos a función «Xuízo e morte de Sócrates», unha obra de Xavier Donato baseada en textos clásicos e cunha posta en escena innovadora. «Tiña claro que o papel de Sócrates debía interpretalo unha muller para visibilizar a importancia que tiveron na historia do pensamento», realza
05 may 2026 . Actualizado a las 14:29 h.A Facultade de Filosofía da USC continúa coa súa intensa axenda cultural e este mércores, a partir das 17.00 horas, programa, na Praza de Mazarelos, Xuízo e morte de Sócrates, unha obra de Xavier Donato, decano da facultade, baseada en textos clásicos e que interpreta a compañía Noite Bohemia. «O que fixen foi compilar tres obras independentes de Platón, pero que teñen continuidade. No primeiro acto vese a Apoloxía de Sócrates, na que se relata como Sócrates, que non quixo ser defendido por ninguén, fai de avogado de si mesmo. Ao final é sentenciado a morte», explica Xavier Donato. «Recollín tamén outros textos de Platón como Critón, no que Sócrates é visitado por un dos seus discípulos para que escape de prisión, pero el ten claro acatar a sentencia. No terceiro acto lémbrase o texto Fedón, no que Sócrates mantén un diálogo cos seus discípulos sobre a inmortalidade da alma. Ao final, tras beber cicuta, morre», engade o decano de Filosofía, sinalando que, ademais de conectar as tres obras, incluíu textos a maiores. «Podo dicir que mesmo intercalei diálogos dos irmáns Marx. Eu reivindico que Sócrates conservou a ironía e o humor ata o final», afirma, afondando na actualidade do filósofo grego.
«Sócrates era contestatario. Enfrontouse ao sistema, do cal entendía que non era xusto. Era incómodo para a cidade, pero tivo claro o de de acatar as leis. Amosou que se podía facer caso delas, pero sen aplaudilas. Criticábaas, pero as acataba, aínda que mesmo significasen a súa morte. Isto deixa unha clara ensinanza para a actualidade. Hai xente que se considera por riba das leis…», reflexiona, recoñecendo que a posta en escena da función é innovadora.
«A compañía Noite Bohemia xa interpretara a obra no Centro Don Bosco noutra ocasión. Tanto daquela como agora tiven claro que o papel de Sócrates debía interpretalo unha muller para visibilizar a importancia que elas tiveron na historia do pensamento», comparte Xavier Donato recalcaldo que, pese ao esforzo actual, aínda deberían poñerse máis empeño en rescatar a obra de grandes pensadoras, «así como rescatalas do esquecemento». «Sócrates podería ter sido unha muller. O sexo nun filósofo non importa», apunta, aportando máis datos sobre a función.
«A menos de que chova, o que levaría a facer a obra dentro da Facultade de Filosofía, a nosa idea é poder interpretala fóra, en Mazarelos. Aínda que sexan actividades académicas, queremos poder compartilas coa xente da rúa, da cidade. Será fermoso que vexan o actuais que son as figuras e os textos representados», conclúe.