Anxela López, activista con diversidade funcional: «Levo oito anos nesta loita. Non se conta coas persoas en cadeira de rodas»

Xurxo Melchor
Xurxo Melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Anxela López reclama igualdade no acceso á cultura das persoas con diversidade funcional.
Anxela López reclama igualdade no acceso á cultura das persoas con diversidade funcional. XOAN A. SOLER

Négase a non ter dereito de elección de butaca nos teatros, cines ou concertos

05 may 2026 . Actualizado a las 12:53 h.

Anxela López Leiceaga (Santiago, 1977) é unha loitadora. A vida obrigouna. Naceu cunha parálise cerebral que a encadeou a unha cadeira de rodas, mais só fisicamente. A súa mente é libre, sempre o foi. De feito, voa moi alto. Foi unha das primeiras mulleres con limitacións de mobilidade en Galicia que estudou en centros ordinarios e licenciouse en Dereito na USC. Preside dende hai 14 anos a Oficina de Vida Independente de Galicia (VIgalicia) que promove, precisamente, «posibilitar o dereito de toda persoa con diversidade funcional a exercer o poder de decisión sobre a súa propia existencia e participar activamente na vida da súa comunidade, igual que calquera outro cidadán». Por iso, loitou no seu día para que os autobuses urbanos incorporasen plataformas elevadoras e agora para que nos teatros, cines e outros centros de lecer non lles discriminen obrigándolles a ocupar butacas específicas que adoitan ser de mala visibilidade.

—Recentemente protagonizou un incidente no Teatro Principal porque se negou a ocupar o espazo no que obrigan a situarse ás persoas en cadeira de rodas. Cónteme que pasou.

—Eu merquei unha entrada en segunda fila porque quería ver a obra desde preto. A praza reservada que hai está atrás de todo e eu quería vela de preto. Fun ao teatro e púxeme no nivel da segunda fila, porque na butaca non me podo sentar coa cadeira de rodas. Arrimeime á fila e o persoal encargado da sala veu para dicirme que me tiña que ir detrás.

—Detrás, que non se ve ben.

—Queda unha vista panorámica, pero se queres ver as caras dos actores, non o percibes. E eu quería ter esa visión, como a ten calquera, non? Porque en función da entrada que colles, pois ves desde un sitio ou doutro. Ao mellor non tes a posibilidade porque a butaca que queres está collida, pero se a tes, por que non vou ter esa posibilidade? Eu tamén son consciente de que non podo estar en calquera lugar. Non me podo poñer no medio porque a cadeira non cabe entre as butacas, pero sempre e cando teñas ao lado o corredor, por que non me vou poñer?

—E chamaron á policía.

—Si. Había algunha xente que estaba ao meu favor, outra que non e me recriminaba dicíndome que pola miña culpa se atrasaba a función, que estaría contenta. Isto é un problema de visión da diversidade. Antigamente tamén o vimos coa xente de cor, que se lles segregaban nas escolas, que non podían ir aos mesmos restaurantes, nin aos mesmos cuartos de baño e que tamén tiñan butacas e asentos nos buses só para eles. E que pasou coa Rosa Parks, non?, que se negou.

—E vostede fai o mesmo.

—Levo oito anos nesta loita. Non se conta coas persoas en cadeira de rodas.

—O que vostede reclama é só poder escoller onde sentarse nun teatro. É así?

—Claro. Estar en igualdade de condicións. Ter un espazo inclusivo, non segregado. Que é o máis cómodo para a Administración? Habilitar un lugar para que todas as cadeiras de rodas se poñan nel. Imaxina que o fixeran coas persoas de cor, sería impensable, pois con nós o fan. E non pasa só no Principal.

—Pasa tamén noutros auditorios?

—Si, no Salón Teatro pasa igual, poñen un espazo na zona de atrás e, bo, como se vía bastante ben pois eu quedaba atrás, pero unha vez que quería velo desde diante non me deixaron. Puxéronse ademais tirándome cara atrás e interrompendo o paso e chamaron tamén á policía. Desa volta non saíu no xornal. Puxen unha reclamación, falei co director e pedín unha reunión e xa pasou un ano.

—Non a recibiron?

—Non.

—O plano que enviou á nosa redacción, parece unha opción viable, non? Sacar tres butacas das que lindan co corredor na primeira fila, no medio e atrás para que se poidan poñer aí as cadeiras de rodas.

—Alegan motivos de seguridade para non facelo. Dinme que me axudan a levantarme a poñerme na miña butaca, pero se están alegando motivos de seguridade e de evacuación, como saio eu en caso de emerxencia se non estou na cadeira de rodas?

—Imaxino que vostede loita por aqueles que non se atreven.

—Si. Uns deixan de ir aos teatros e aos cines porque non teñen un sitio no que poñerse. Non poden elixir. Nos cines das Cancelas reservan a primeira fila, na que se ve fatal. Eu deixei de ir, porque unha vez axudáronme, pero a axuda é incómoda. Eu teño que ter a miña autonomía. Escribinlles e respondéronme que se ve igual desde calquera sitio.

—A súa mirada dime que non vai deixar de pelexar.

—Non, porque hai que cambiar a visión totalmente. Seguen coa visión caritativa, de centros de educación especial, de centros residenciais e nós queremos vivir na comunidade e temos todo o dereito pola Convención das Nacións Unidas.

—É unha rival complicada?

—Molesta diría eu. Hai xente que pensa igual ca min, pero non se atreve a dar o paso. Pero tamén é canso estar pelexando todo o tempo. Incómodo. Parezo a mosca colloneira. Ás veces depende de como te atopes animicamente e aínda que che apeteza ir a unha obra non vas. Iso pásalle a moitas persoas con diversidade funcional. Só vou eu ao teatro, por que será?

Unha carta á alcaldesa e unha demanda: «Que se poñan as pilas»

López Leiceaga ten que reivindicarse cada día para que non a traten diferente por precisar unha cadeira de rodas. Tamén para que non lle poñan o acento ao seu nome. «Eu non son Ánxela, son Anxela», advirte. Está afeita a pelexar, pero agarda que un día poida deixar de vivir nesa tensión. Hai dúas semanas mandoulle á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), unha carta na que lle explica como se podería facer no Teatro Principal para evitar relegar ao fondo da sala as persoas con diversidade funcional. Nela foi tamén o plano coa solución técnica que propón. Para o Concello ten unha mensaxe clara. «Que se poñan as pilas, que atenda ás necesidades da diversidade humana e especialmente do asunto que nos trata, as persoas en cadeira de rodas que queren acceder á cultura, a poder disfrutar do teatro en igualdade de condicións e que, por favor, non nos exclúan». E advirte que todos os días esa exclusión se cruza nas súas vidas en forma de beirarrúas polas que non se pode pasar ou locais de hostalaría inaccesibles. «Non podo entrar nunha panadería, nin nunha churraría ou nun restaurante. A discriminación segue aí», lamenta.