O artista exhibe na galería Luisa Pita «Aventura da mirada», que inclúe dezasete obras
18 abr 2026 . Actualizado a las 04:50 h.A exposición «Aventura da mirada» da galería Luisa Pita constitúe un percorrido pola obra máis recente de Antón Patiño (Monforte, 1957). Trátase de dezasete pinturas sobre tela creadas desde o ano 2023 ata a actualidade por un dos fundadores do grupo Atlántica. Nestas pezas que se poden visitar ata o 28 de maio, ademais dese universo tan característico do artista galego no que non falta o mar, inclúense referencias ao presente, con marañas e labirintos que reflicten o frenético contexto no que vive a sociedade actual —«é o que representa de maneira case literal a realidade convulsa do noso tempo»—.
Con esta «Aventura da mirada» quere convidar ao espectador a explorar cando observa as obras? «Digamos que é falar do espectador, pero tamén do propio autor. Trátase da empatía que se establece na memoria de cada quen. Eu doulle moita importancia á mirada, pero tamén á memoria; mesmo na recente mostra da Coruña aparecía unha pequena ecuación na que se establecía que mirada máis a memoria é igual a visión», afirmou o artista, que conta con obra exposta neste momento tamén no Museo Gaiás.
Nestas creacións, Patiño segue mantendo a súa esencia pero tratando sempre de evolucionar. Descríbeo usando como metáfora a espiral. «É como se todo tivese ese impulso que volve cara á orixe, pero en cada momento hai un suplemento diferencial. A espiral vai medrando e iso é o que me interesa; ti volves para atrás pero para avanzar, para facer descubertas propias, para estimularte», apunta. Engade que aínda que o mar, esa presenza oceánica, segue sendo o seu referente, na mostra toma protagonismo a noite. Patiño incide en que nestas obras se aprecia con claridade ese traballo feito por estratos. «A pintura sempre se pensa que é unha cousa moi mental e é certo; pero ademais é un feito plástico, un feito real que acontece nunha superficie».
Por outra parte, na obra de Patiño a cor sempre xoga un papel moi importante: «O peso da cor é case a esencia da pintura», explica. En «Aventura da mirada» hai azuis, vermellos, amarelos, que teñen tamén o seu contrapunto no negro. Ademais, o artista utiliza o verniz, que máis alá da protección que supón, evoca ese brillo da paisaxe galega despois da chuvia.
Alén das exposicións, Antón Patiño tamén viu como as súas obras pasaron a formar parte das coleccións permanentes de dúas das entidades de referencia en España: o Museo Reina Sofía e o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA).
A mostra pode visitarse de luns a venres pola tarde. No resto de xornadas pola mañá é posible con cita previa, igual que as mañás dos sábados.