Ezequiel Méndez: «A estrea na Quintana de 'Os vellos non deben de namorarse' foi inesquecible»
SANTIAGO
O autor de «Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967)» repasa a escena teatral de Santiago nesa publicación
06 abr 2026 . Actualizado a las 15:55 h.Ezequiel Méndez (Santiago, 1941) é un dos nomes destacados do activismo cultural compostelán. A súa pegada non se cingue ao eido audiovisual, coa creación do primeiro cineclub de Santiago, que puxo en marcha no ano 1961 vinculado á universidade, ou sendo un dos fundadores da produtora Equipo 64. Tamén tivo un papel protagonista nas artes escénicas desde finais dos 50 ata case os setenta.
Precisamente, no mesmo ano no que comezaban as proxeccións do cineclub, este por aquel entón mozo —só tiña 19 anos— convertíase en don Saturio de «Os vellos non deben de namorarse» na que foi a primeira representación en Galicia da peza de Castelao. Tivo lugar o 25 de xullo nunha noite gravada na memoria de Ezequiel Méndez, tal e como recolle en «Lembranzas a escena. Un labor teatral (Santiago de Compostela, 1958-1967)». Nesta publicación que viu a luz recentemente da man do Consorcio da Cidade e da Universidade, o autor repasa ese traballo no eido escénico no tardofranquismo.
Ezequiel Méndez comezou a mergullarse na escena teatral no ano 1958 cando estudaba no colexio Minerva —hoxe Manuel Peleteiro— alentado polo profesor de literatura Benito Varela Jácome. Co acceso á universidade, incorporouse ao TEU (Teatro Español Universitario) —que acabou deixando—, así como a outros grupos ligados á institución académica, ademais de colectivos cidadáns, como Ditea (Difusión de Teatro Afeccionado) e Cantigas e Agarimos. Foi o ano 1961 un ano de impulso definitivo na súa faceta escénica. Nese ano, precisamente, «fichou» por Ditea, a proposta de Agustín Magán, para participar nun proxecto para recuperar a tradición de representar os autos sacramentais polo Corpus Christi. Así, o 3 de xuño, representaron na Quintana «El hospital de los locos», que repitieron el 28 de julio.
Xente de toda Galicia
Entre ambas as dúas citas teatrais, o 25 de xullo, tería lugar a representación por primeira vez en Galicia de «Os vellos non deben de namorarse». «Son o único supervivinte daqueles tres vellos namoradizos e dos poucos que quedamos do elenco que gozou daquela noite inesquecible», escribe Ezequiel Méndez sobre esta montaxe de Cantigas e Agarimos baixo a dirección de Rodolfo López-Veiga. Ademais, con motivo da presentación do libro, o autor precisaba que podía haber na Quintana entre tres e catro mil persoas.
Así lembraba como na primeira fila estaban as irmáns de Castelao, ademais de Otero Pedrayo. Tamén acudiron Paz Andrade, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Díaz Pardo, Filgueira Valverde, Antón Fraguas e Alonso Montero, entre outros. O permiso para escenificar a peza chegara só uns días antes.
«Cando vin a praza da Quintana a rebordar —ningún outro espectáculo teatral, antes e despois, congregou alí tanto público—, con xente procedente de toda Galicia —fretáronse ducias de autobuses—, e coas forzas policiais franquistas controlando os accesos, empecei a comprender. Estabamos ante un acontecemento político, non só teatral. Esa foi a verdadeira grandeza daquela noite», rememora Ezequiel Méndez no libro, no que recolle fotografías daquela xornada, entre outras ligadas á súa traxectoria.
Posteriormente, non só actuaba, senón que pasou á dirección. Primeiro dun grupo en La Salle e, posteriormente, da aula teatral e de cine do colexio maior El Pilar. En 1964 puxo en marcha o grupo Tespis. A despedida dos escenarios chegou da man de Ditea coa interpretación de «Lutero», que case non se puido representar por culpa da censura da ditadura. Finalmente, de xeito case clandestino polas condicións que lle impuxeron, lembra Méndez, escenificouse na Capela do Hostal dos Reis Católicos en xaneiro de 1967, cun «éxito apoteósico».
«Moito do que fixemos era atrevido porque detrás estaba a censura»
Ezequiel Méndez escribiu «Lembranzas a escena» animado por Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC. «É un contexto da actividade teatral nun momento no que houbo un florecemento da actividade cultural», explicou o autor, que engade que «moito do que fixemos era atrevido porque detrás estaba a censura ou a persecución policial». El mesmo veu como, por este motivo, tivo que agardar tempo para obter tanto o carné de conducir como o pasaporte. «A ditadura franquista foi un pesadelo sinistro para o mundo da cultura en xeral», afirmou. Ademais dos «grises» vixiando moi nerviosos os catro accesos á Quintana o día de «Os vellos non deben de namorarse», tamén puxo o exemplo da suspensión dun espectáculo en Pontevedra do seu grupo Tespis por mor dunha denuncia e as dificultades para representar «Lutero».
Cal é a montaxe que non esquecerá? «Cada unha das representacións do meu currículo ten un significado especial, ben pola importancia do texto ou pola súa dificultade interpretativa. [...] Todo ten o seu contexto; non é o mesmo afrontar o papel lineal do boticario Saturio que a sutileza dun Lutero. Tamén inflúen os espazos. Non é o mesmo actuar na intimidante Quintana diante de miles de persoas que na capela do Hostal para 200». En canto ás figuras fundamentais que marcaron o teatro nesa época, situou como referentes a Rodolfo López-Veiga e a Agustín Magán, «fundamentais para un par de xeracións de actores e actrices».