Touriñán e Perdomo chegan coas citas imposibles de «Amoriños» a Santiago 

La Voz

SANTIAGO

Os humoristas Perdomo e Touriñán
Os humoristas Perdomo e Touriñán c

Ofrecerán dúas funcións esta tarde no Auditorio de Galicia coas entradas case esgotadas

15 mar 2026 . Actualizado a las 04:55 h.

18 (entradas esgotadas) e 21 horas • Auditorio de Galicia • Desde 19,98 euros • Xosé A. Touriñán e David Perdomo recalan de novo esta tarde en Santiago con «Amoriños», o seu particular «First dates» á galega con citas imposibles, encontros inesperados e historias que nacen en directo. Os dous humoristas logran que cada función sexa diferente á anterior a través da improvisación e da interacción co público.

A estas dúas citas do espectáculo no Auditorio de Galicia acudirán máis de 1.800 persoas. Para a función das 18 horas as entradas levan uns días esgotadas, e onte tamén xa se rozaba o cheo na sesión das 21 horas, quedando xa moi poucos asentos baleiros.

Santiago convértese nunha das primeiras paradas da xira de primavera de «Amoriños». Antes do Nadal, Xosé A. Touriñán e David Perdomo xa amosaran este espectáculo no Auditorio de Galicia, esgotando tamén as entradas para as dúas sesións que programaron a mediados de decembro. As seguintes paradas de «Amoriños» serán en abril en Ponteareas, Verín, Lugo e Ribadeo.