Os veciños recuperaron unha tradición perdida hai décadas
02 mar 2026 . Actualizado a las 10:10 h.A aldea de Bexo, na parroquia de San Xoán de Laíño de Dodro, viviu este entroido un «día histórico» coa recuperación da figura do burro, un disfraz que levaba entre 70 e 80 anos sen saír polas rúas do lugar. Foi pola celebración da festividade da Virxe de Belén, o 25 de xaneiro, cando varios veciños de Bexo se xuntaron e falaron de recuperar a tradición do Burro do Entroido na aldea e así foi o pasado día 14, como remate ao percorrido que fai a Asociación de Veciños San Xoán de Laíño polas aldeas da parroquia, acompañado polos gaiteiros do grupo local Foliada do Montiño.
Segundo conta Tamara Brea, veciña de Bexo e unha das promotoras de recuperar o burro, para recrear o disfraz falaron con cinco ou seis persoas maiores do lugar, de máis de 80 e 90 anos, para saber que lembraban daquel animal que, no Entroido, percorría a aldea correndo detrás dos nenos. «Falamos cunha veciña de 84 anos que nos contou que ela era moi pequena cando viu o burro e case xa non se acordaba», explica Tamara Brea.
Así, tras recoller a información de como ía o animal, entre varios fixeron a cabeza do burro, que portou un dos veciños da aldea, xunto co arreo, todo engalanado cun colar de laranxas, mimosas e un pano de oito puntos. «Tratamos de recrear todo como era no seu tempo, para sacalo no Entroido, acompañado dunha comitiva que foi polas rúas máis importantes da aldea, saíndo da casa do Manco, que nos dixeron que é de onde saía sempre, para rematar na fonte de Chan de Viña», relata a veciña.
A comitiva estaba formada por choqueiros, veciños vestidos con roupa vella, improvisada e rebuscada na casa, entre os que no faltaron o típico militar, o cura ou a noiva. «A saída do burro fíxose de maneira espontánea, pero a idea é manter a tradición no tempo», conta Tamara Brea, que engade que, antigamente, o animal saía o martes de entroido, a modo de peche das festas máis descaradas. «O burro actuaba como oficiante da comitiva e ía cun vimbio amedrentando aos nenos; se te arrimabas un pouco, podía caerche un vimbiazo», lembra. Os promotores da idea buscan, ademais, involucrar á xente máis nova para que esta tradición sirva tamén para revivir a aldea que, segundo Tamara Brea, está moi decaída despois de pechar as tabernas que había e que eran «espazos socializadores», nun lugar cunha idade media duns 70 anos.