Un Panteón de portas fóra

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo LA SEMANA POR DELANTE

SANTIAGO

22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O foro sobre o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres organizado por La Voz de Galicia e a Fundación do simbólico recinto, deixou o pasado venres unha proposta moi interesante expresada polo historiador Ramón Villares: a idea de facer do parque de Bonaval un parque da memoria da galeguidade, un memorial portas fóra da fermosísima igrexa de San Domingos. Esta iniciativa, de se converter en realidade, daría un fondo significado a un parque que xa de por si ten unha grande dimensión histórica pero, sobre todo, aproximaría á vida cotiá da cidadanía a memoria dos grandes construtores da idea de Galicia como pobo. Non se trataría de facer enterramentos, non, nin sequera no antigo cemiterio que non puido resistir os golpes das últimas borrascas. Por certo, a ver se agora se lle dá o tratamento rehabilitador que merece este recinto do conxunto de Bonaval. Bastaría cunhas placas nun espazo dignificado. Ademais, habería menos posibilidade de liorta política porque non existirían tantas limitacións. Que se teña en conta.