Preto de medio cento de locais súmanse á efeméride incluíndo na súa oferta o «caldo de gloria»
21 feb 2026 . Actualizado a las 04:50 h.O vindeiro luns cúmprense 189 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Para conmemorar esta data as actividades xa se suceden durante a fin de semana tanto en Santiago como noutros puntos da área compostelá. O principal punto de referencia será a praza de Mazarelos, xa que acollerá a maior parte das actividades da oitava edición do Festival Rosalía. Ademais, o caldo de gloria estará presente en numerosos locais de hostalería tanto de Santiago como de Ames e Rois.
O programa do Festival Rosalía comezará ás 11 horas na praza de Mazarelos cunha feira que reunirá diversos postos de artesanía, libros, produtos ecolóxicos e de proximidade. Ademais, terá lugar a primeira quenda do obradoiro de maquillaxe con Sisel. Ás 11.30 horas chegará o xa clásico paseo teatralizado polas rúas da zona vella da man de Os Quinquilláns para seguir a estela de Rosalía polos espazos composteláns que habitou. Tomará o relevo ás 12 un obradoiro de rap improvisado, incluíndo tamén unha breve introdución da tradición da regueifa. Despois da inauguración oficial, que terá lugar ás 13 horas, haberá unha sesión vermú animada por Blues do País.
Xa pola tarde, ás 16.45 horas, chegará a celebración dunha década do selo editorial Chan da Pólvora, que reunirá a Antón Lopo, Manuel Martínez, Luís López Alonso, Ana Romaní, Paula Luís, Andrea Nunes e Nuria Vil. Ás 18 horas, continuarán os versos con «Contoesías: contos e poesías», que reunirá a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza. Ás 19.30 horas, será a quenda de «Improsalías», unha peza de improvisación, música, humor e poesía que ofrecerán os grupos As Teimas e The Momento. O peche desta primeira xornada será ás 21 horas cun concerto de Loita Amada, que presentará o seu terceiro disco, «Resistir e vencer». As actividades do Festival Rosalía continuarán o domingo con propostas en Mazarelos, o Teatro Principal e no colexio maior de Santo Agostiño.
A pegada de Rosalía tamén se deixará sentir nos locais de hostalaría. En Santiago, preto de medio cento ofrecerán o «caldo de gloria», que segue unha receita que recolleu Rosalía. Nesta iniciativa impulsada pola Fundación Rosalía, Hostalaría.gal e o Concello de Santiago tamén se incluirá o reparto de 42.000 manteis sobre a figura da autora de «Follas novas». Un material que chegará tanto aos locais de hostalaría, como aos comedores escolares dos centros públicos de ensinanza infantil e primaria e aos comedores universitarios. Esta iniciativa foi presentada onte no CIFP Compostela coa participación da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o presidente de Hostalaría.gal, Lois López; e o profesor de cociña do centro José Quintáns.
En Ames, hoxe, ademais do reparto de «caldo de gloria» en locais de hostalaría, está prevista unha viaxe literaria á Casa Museo de Rosalía —precisa inscrición previa—. En Brión, pola súa banda, ás 20 horas, no centro social polivalente, poderá verse o espectáculo «Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido», que une a Rafa Fernández (guitarra), Lara Dopazo (voz) e Iván Torres (videocreación). Pola súa banda, Rois programa esta tarde o concerto «Cantamos con Rosalía» a cargo de Luís Vallecillo (18 horas, auditorio municipal).