Familia Caamagno presenta este venres na sala Capitol de Santiago «Disco comarcal», que lembra aquelas salas míticas de hai anos
06 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A cita é hoxe, ás 21.30 horas na sala Capitol. Familia Caamagno celebra os seus 15 anos de traxectoria musical cun concerto moi especial, no que contarán nalgúns temas cunha orquestra que aportará aos de Sigüeiro «sonoridade e maxia, coa furia dos ventos todos», con arranxos das súas cancións para trompetas, trombóns, saxo tenor, teclado e sintetizador. Así o comenta Manuele, o cantante da formación, que presenta en directo o seu último traballo, Disco comarcal: «Reflexionamos do sentimento que nos produce ver unha discoteca onde pasamos moito tempo da nosa xuventude que agora está en ruínas, o que nós chamamos nostalxia da ruína e parécenos moi interesante». Eles escolleron unha daquelas salas míticas, El Vergel de Ponte Carreira (Frades) para a gravación do seu videoclip. Manuele lembra as zonas de marcha dos anos 2000, por Melide, Ordes, Touro, Santa Comba..., «desa febre do sábado de ouro, na que ás veces aparecían hosteleiros case por accidente. Os sábados todo o mundo peregrinaba cara esas zonas da movida», que adquiría un peso na economía local das vilas que a concentraban dun xeito semellante ao que hoxe suceda cos pobos por onde pasa o Camiño de Santiago.
Será o de hoxe un concerto verbena-discoteca. Porque tralo directo na Capitol, que terá a Ulex como banda invitada, haberá post-festa pasada a medianoite na sala Riquela, á que se poderá acceder coa mesma entrada do concerto, ata completar aforo. Os cinco amigos que son dende o ano 2011 Familia Caamagno teñen actuación pechada en Madrid no festival de San Isidro, e agardan un verán con múltiples citas co seu rock, pop e punk vestido de xeito elegante, coas súas impecables chaquetas azuis.