Rosa Crujeiras, candidata a reitora da USC: «Ás eleccións preséntase Crujeiras, non Viaño»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Crujeiras, na súa casa, a Facultade de Matemáticas, onde abundan os seus carteis electorais
Crujeiras, na súa casa, a Facultade de Matemáticas, onde abundan os seus carteis electorais SANDRA ALONSO

A catedrática de Matemáticas considera necesario trasladarlle á sociedade o rol que xoga a Universidade no desenvolvemento do país

03 feb 2026 . Actualizado a las 18:47 h.

Rosa Crujeiras Casais (Ribeira, 1978) abre o seu despacho na Facultade de Matemáticas da USC para explicar o proxecto co que quere converterse na primeira reitora da historia de Galicia.

—Con que medida comezaría se sae elixida reitora?

—Serían moitas primeiras medidas. Temos distintas planificacións urxentes que poñer en marcha en materia de PDI, PTXAS, estratexia científica, investigación, programación cultural... Tamén hai accións específicas no ámbito do estudantado, atendendo á diversidade e ao benestar.

—Por que deu o paso?

—Un grupo que xorde do claustro levabamos moito tempo traballando, faciamos xuntanzas para falar da universidade, para analizar como estaban as cousas, que funcionaba e que non, cara onde queriamos ir... Son unha persoa máis nese grupo, pero vinme con ánimos e apoio para lideralo.

—Que diagnóstico fai do estado actual da USC?

—Somos unha boa universidade, iso non o podemos poñer en dúbida. Seguimos a ser referentes na formación e na investigación, pero perdemos algunhas oportunidades por falta de planificación. Onde nos queremos situar na esfera internacional? Onde nos queremos colocar na nosa relación coa sociedade? Temos a misión de xerar e transferir coñecemento. O coñecemento é un ben común e temos que poñelo en valor. Temos que apostar por unha visión da universidade como un elemento progreso social. Creo que nos faltou asumir o rol que ten a USC no desenvolvemento de Galicia.

—Como pensa paliar os problemas do relevo xeracional?

—Hai que planificar e actuar no PDI e no PTXAS. No caso do PDI, fíxose unha primeira planificación moi a nivel macro, de grandes cifras, pero precisamos ir atendendo ás casuísticas dos diferentes ámbitos. Hai que tratar de integrar as vías de entrada na academia coas figuras de persoal investigador. Hai que facer unha planificación unificada e actuar con anticipación. Non podemos permitir que o talento saia pola porta sen ter un reposto formado. Cando incorporamos a persoas hai que axudalas e acompañalas na súa carreira. Tamén temos que acompañar as saídas, creo que na universidade despedimos mal. No caso do PTXAS, temos que facer unha planificación que atenda a unha revisión de cargas de traballo, reestruturación de servizos e negociar novos procesos de selección porque temos que incorporar aos profesionais que imos precisar no futuro. É moi importante tamén esa transferencia do coñecemento. Non podemos permitir que unha xefatura de servizo abandone un posto por xubilación sen que a persoa que se vaia poñer á fronte non teña nin sequera convivido con quen leva alí 20 ou 30 anos. Hai maneiras de facer esa substitución de maneira gradual.

—Teme unha caída na matriculación de cara ao 2030 debido á crise da natalidade?

—Vou facer unha matización: baixou a natalidade, pero non baixou a demografía. Os últimos datos do INE din que Galicia medrou en poboación. Temos un 2,89 % máis, 200.000 persoas. Creo que, máis que nunca, a universidade ten que ser un espazo de igualdade e oportunidades. Temos que facer que sexa atractiva para o colectivo inmigrante e promover e visibilizar a interculturalidade.

—E no eido das infraestruturas, cales son as súas propostas?

—Os investimentos en infraestruturas condicionan a política económica da universidade. Contemplamos unha vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade, que pensamos que ten que ir ligada. Pensamos facer unha revisión e unha planificación dos investimentos a medio e longo prazo. O Colexio Maior San Clemente é unha prioridade. Sabemos que ten un custo, pero as políticas plásmanse nos orzamentos. Temos que apelar á colaboración con outras institucións. Na reunión coa alcaldesa formuláballe que a USC non pode ser allea á planificación urbana e urbanística da cidade.

—A investigación que peso debe ter na USC?

—É fundamental pola formación, polas persoas e pola captación de fondos. Algo que distingue á USC é que formamos parte dunha contorna investigadora de referencia. O noso estudantado ten premios nacionais de investigación. Fai que sexamos un foco de atracción de talento internacional. No 2024 captáronse máis de 100 millóns de fondos de investigación, que nos últimos cinco anos incrementamos en torno a un 40 %. Os Next Generation permitíronos ver as capacidades da USC e agora, a partir do 2028, vén aí o programa Horizonte Europa. Temos que estar preparados para reorientar esas capacidades. Non o podemos facer no 2028, senón xa. Temos que poñer moi en valor a colaboración inter e transdisciplinar, que é a que nos vai permitir ir a proxectos máis ambiciosos e con proxección internacional.

—A universidade pública vive ameazada. Vostede considera que ten futuro?

—Non me estaría presentando se non considerara que a universidade é fundamental para o desenvolvemento social. O ensino público foi o que permitiu chegar aquí. Fun a primeira na miña familia que estudou. Teño unha avoa que non sabe nin ler nin escribir e dúas xeracións despois trato de dar o paso á reitoría. Esta universidade ten que seguir sendo ese espazo de igualdade de oportunidades. As universidades públicas temos que facer unha fronte común e defender a nosa posición, pero tamén esforzarnos en trasladarlle á sociedade que é o que somos e que rol xogamos no desenvolvemento deste país.

—Ve un futuro con tres facultades de Medicina?

—Fun moi crítica co acordo. A universidade e a facultade que leva moitos anos impartindo o grao de Medicina somos nós, a USC. Non nos opoñemos ao aproveitamento de todo o sistema sanitario, pero a min xórdenme dúbidas co acordo que se asinou. Imos ter que adaptar a nosa estrutura coa introdución das unidades docentes, imos ter que modificar un título que está en extinción, non sei se podemos darlle ao noso estudantado as garantías de que van estar en igualdade de condicións segundo o seu destino. Sobre todo, a partir do 2029 non sabemos que pasa. A descentralización non só afecta ao estudantado, afecta á construción dun polo de investigación biomédica arredor do CHUS, co IDIS, co Cimus...

—Unha das críticas que se escoitan é que vostede é a volta á USC de Juan Viaño.

—Faime graza por dous motivos: é cando menos curioso que á candidata á que lle quedan máis de 20 anos por diante nesta universidade sexa un regreso ao pasado. Segundo, ás eleccións preséntase Crujeiras, non Viaño. Isto é tamén unha proba de que as mulleres aínda temos que levar o nome dun home detrás para resultar cribles. Chegáronme a preguntar que quen me puxo. Como que quen me puxo? Teño 47 anos, levo moitos anos nesta universidade. Podo dar o paso por min mesma.

En curto

Unha película: Tenet, de Christopher Nolan. Cada vez que a vexo descubro algo novo. Non sei se acabei de entendela [ri], pero recoméndoa.

Unha canción: Maldita Dulzura, de Vetusta Morla. Por unha cuestión xeracional.

Un lugar: O faro de Corrubedo, preto da casa. É unha imaxe tranquilizadora no verán e, no inverno, amosa a bravura do mundo.

Que é o máis importante da vida? A compañía que teñas ao teu lado. Creo que non sería capaz de estar soa no mundo, sen apoiarnos uns aos outros, sen ter con quen falar, sen alguén que te escoite.

Un desexo: Neste momento, poder sacar adiante este proxecto.

Unha comida: Como boa filla de mariñeiro, calquera peixe do día. O que haxa.

Unha referente: A miña avoa materna, que faleceu este verán. A vida púxollo moi difícil e saíu adiante. É coma ela, tantas mulleres que loitaron para sacar as familias adiante.

Unha afección: Ler. A última novela que lin foi A praia dos afogados, era unha débeda pendente.

Un superpoder: Se o tivese, repartiríao: dialogar, escoitar e entender. Solucionaríamos moitos problemas.