Sheila Patricia: «A revelación foi de descubrir como é a vida dunha artista que está 'maternando'»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Sheila Patricia na presentación do traballo «Epifanía»
Sheila Patricia na presentación do traballo «Epifanía» Nora Galván

A cantante presenta este sábado temas do disco «Epifanía», que saíu esta semana, no Centro Don Bosco de Santiago

20 dic 2025 . Actualizado a las 04:50 h.

22.10 horas • Centro Don Bosco • Entrada libre • «Epifanía». Ese é o título do novo traballo de Sheila Patricia, que veu a luz nas plataformas dixitais a principios desta semana e que a cantante tamén avanzou nun espectáculo íntimo na Casa do Taberneiro. Este sábado, de novo en Santiago, parte das cancións deste novo álbum soarán no Centro Don Bosco no marco dos concertos do Mercado da Estrela, que tamén contarán nesta xornada con Montedapena (20.50 horas) e Saibran, o novo proxecto de Cibrán García (23.30 horas). Sheila Patricia afirma que está «con moitas ganas» de amosar este novo traballo, que combinará con algúns temas de anteriores proxectos.

—Que sensacións lle trasladan do disco nestes días?

—Chéganme comentarios de compañeiros dicindo que lles está gustando moito. É un disco moi ecléctico, ten moitos estilos distintos. Entón, creo que gusta bastante porque se adapta ás preferencias de moitas persoas. O que recibín é moi bo, son palabras moi bonitas.

—«Epifanía» significa revelación. Cal foi a revelación?

—A revelación veu de descubrir como é a vida dunha artista que está maternando e ver como está montado todo dun xeito tan pouco favorable para nós, para as nais. Tamén facerme cargo de que este é o camiño que decidín aínda que dá un traballo extra ser nai e artista. Tamén ser consciente de que é o que son agora e da nova muller que nace. Durante o posparto non entendía moi ben o que din as mulleres de que son unha nova persoa dalgunha maneira. Entón, a revelación foi darme conta de que, efectivamente, todo cambia, cambia a túa cabeza e a maneira de crear, tamén.

—No disco hai temas anteriores ao nacemento da súa filla.

—Si. Despois de anunciar que tras esta xira ía facer unha parada, quería entregarlle ao público a oportunidade de vernos durante un ano cun disco que reúne esa parte acústica que todos din que lle gusta tanto, esas cancións que quedaron atrás como sinxelos e que a min me tiña sentido incluír nesta «Epifanía». Ademais, o que eu son non ten cabida sen o que fun. Ao final, son froito de todas as Sheilas que fun ao longo da miña vida artística e persoal.

—Hai moita mestura: parte acústica, tradicional...

—Tamén electrónica, influencia de Latinoamericana. O tema que abre o disco é producido a ordenador, o segundo é á capela, o terceiro únese guitarra e voz... Son moi diferentes, pero amosan o que eu son, entón tiñan que estar nesa viaxe por cinco capas.

—Amosara menos esa versión acústica de Sheila Patricia.

—É certo, aínda que sempre metía algunha canción. Eu atópome moi cómoda, pero téñolle certo medo porque non sei se está o público preparado para escoitalo tanto tempo nun concerto.

—Entón, con «Epifanía» pensou máis para concertos íntimos?

—Aínda estou pensando agora (ri). Non pensei nese sentido, e agora estamos xestionando como vai ser. Será un espectáculo con moita versatilidade. Hai tamén moito repertorio para bailar, que se pode poñer festivaleiro.

—Antes da parada, quería facelo con disco.

—Si, con disco e con concertos, xa que se poden adaptar a moitos formatos. Gustaríanos facer unha festa por todo o alto para despedir.

—Sigue creando, compoñendo?

—Sempre crearei algo porque quieta non podo estar. A parada que propoño é para crear desde a total liberdade.