Adrián Noia: «Sinto que o de escribir vai máis en serio ao gañar á vez o premio Selic e publicar 'Pontealbar'»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Adrián Noia, escritor compostelán
Adrián Noia, escritor compostelán PACO RODRÍGUEZ

O autor compostelán presentará este sábado a súa terceira novela na libraría Couceiro

22 nov 2025 . Actualizado a las 04:50 h.

12.30 horas • Libraría Couceiro • A Adrián Noia (Santiago, 2001) sempre lle gustou escribir. Moi pronto os seus relatos conquistaron certames. Cando estudaba 3º da ESO conseguiu o Premio A Pipa de Becerrá (2016) e un ano despois, o Terras de Chamoso do Corgo. Pero o punto de inflexión nesa paixón chegou cando se pasou á novela e logrou con «O país dos raposos» o segundo premio do Xuventude Crea do 2021. «Aí vin que isto de escribir ía en serio», afirma o compostelán. Agora, acaba de vivir un novo punto de inflexión nesa traxectoria literaria: gañar o Premio Selic de Creación Literaria por «O silencio non arrola» coincidindo coa chegada ás librarías da súa terceira novela, «Pontealbar» (Galaxia). Unha situación que o levou a revivir esas sensacións de hai catro anos. «Ao gañar o premio da Selic e publicar ‘Pontealbar' con Galaxia este mes sinto que as regras volven a cambiar e o de escribir aínda vai máis en serio», di.

Precisamente, esta mañá Adrián Noia presenta «Pontealbar» en Santiago. Farao acompañado da creativa Andrea Mosteiro e do director de Edición de Galaxia, Marcos Calveiro, despois da estrea a semana pasada en Trazo. É onde vive na actualidade o autor e onde está ambientada esta novela fantástica e de aventuras que ten como un dos seus ingredientes, precisamente, unha lenda de A Ponte Alvar que foi recollida por Leandro Carré Alvarellos. Nela cóntase como unha rapaza, Marcela, foi raptada e violada polo conde de Alvar e, despois, a modo de xustiza derrubou o seu castelo o rei. «Uso moitas personaxes mitolóxicas de Galicia e tamén algúns que me inventei», afirma o autor, que converteu para a novela o río Tambre en río Grande. Deste xeito, esta terceira novela de Adrián Noia que acaba de ver a luz ten moito que ver co relato co que gañara o galardón en Becerreá ao contar con Trazo como escenario.

Novela máis intimista

Na obra gañadora do Premio Selic de Creación, sen embargo, o escritor compostelán amosa unha escrita máis intimista tomando referentes da súa propia experiencia persoal e familiar para fusionala con ficción. «É a obra que máis preparei, que máis correccións ten e a que máis me documentei», detalla Adrián Noia. Este relato que verá a luz de cara a próxima edición da Selic ten como protagonista a Sara, neta dunha muller cunha enfermidade mental dexenerativa, pero que detrás ten unha historia persoal ao perder á súa nai tras ser fusilada polos falanxistas. A partir de aí, Sara trata de recuperar a historia da súa bisavoa.

Este relato de ficción, que ten como un dos espazos principais o barrio de San Lourenzo, en Santiago, vaise intercalando con feitos reais recollendo testemuños de persoas que sufriron a represión franquista. «A idea é poñer o foco non nas vítimas directas, senón nesas mulleres que foron vítimas colaterais, que sufriron deixazóns, desterros...», apunta o escritor e filólogo compostelán, quen se animou a presentarse ao premio ao ver que cumpría coas bases de estar ambientada en Santiago.

Dúas novelas, polo tanto, moi distintas. Non se limita a un xénero na súa escrita? «Penso máis no que quero contar que na capa do libro», responde, precisando que son dúas liñas que combina. Agora, este autor que está preparando oposicións para profesor e de pequeno quedou fascinado con «Corredores de sombra» de Agustín Fernández Paz, e máis tarde con autores como Margaret Atwood, Ana María Matute, Castelao, Almudena Grandes, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras e María Victoria Moreno, teno moi claro: «Nunca vou deixar de escribir».