Xerardo Estévez e Alfonso Salgado: «Hai que espertar o consenso das Administracións arredor de Santiago»
SANTIAGO
Afirman que a cidade esixe o acordo no Consorcio entre os grupos municipais
10 nov 2025 . Actualizado a las 22:02 h.Os arquitectos Xerardo Estévez, alcalde de Santiago na etapa máis brillante da súa historia contemporánea, e Alfonso Salgado levan tempo propoñendo unha reflexión colectiva sobre a cidade, máis aló dos aspectos centrais do urbanismo e a arquitectura. Este luns, 10 de novembro, ofrecerán no Ateneo (no auditorio de Afundación, Rúa do Vilar, 19, ás 19.30 horas, con entrada libre ata completar aforo) a conferencia «Santiago de Compostela é algo máis». Con este motivo, La Voz de Galicia invitounos a analizar algunhas cuestións chave do presente e do futuro da cidade.
—En decembro cumpriranse corenta anos da declaración de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade, que supuxo un impulso decisivo para a transformación modernizadora da cidade e a conservación do seu ámbito histórico. Con carácter xeral, como valoran a evolución de Santiago nestes corenta anos, nos que houbo etapas, evidentemente, mellores e peores.
—Xerardo Estévez (X.E.) O Concello de Santiago, colaborando coas institucións europeas, conseguiu a inclusión da cidade na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco e a declaración do Camiño de Santiago polo Consello de Europa como primeiro itinerario cultural europeo. Dous fitos fundamentais que nos levaron á creación do Real Patronato e do Consorcio coa súa Oficina Técnica. A aprobación do planeamento xeral e especial permitiu ordenar a cidade e protexer mediante o catálogo uns dous mil edificios do casarío histórico. A valoración destes corenta anos é positiva. Que sería do patrimonio compostelán universal sen estes fitos? A restauración e a rehabilitación foron estratexias fundamentais.
—Está desactivado, na práctica, o consenso das Administracións arredor de Santiago, que tivo excelentes efectos prácticos?
—X.E. Eu non diría desactivado, pero haino que espertar. O Consorcio foi creado non só para conseguir investimentos senón, sobre todo, para compartir políticas entre as Administracións central, autonómica e local, como as de patrimonio, turismo, vivenda e cultura. A cidade esixe o acordo no Consorcio entre os grupos municipais.
—A cidade carece dunha política clara de vivenda orientada a cubrir a demanda existente, excepto promocións puntuais de obra nova que no mercado teñen prezos fóra do alcance das economías familiares medias. Que hai que facer para solucionar este grave problema?
—Alfonso Salgado (A.S.) Temo que a paixón inmobiliaria nas cidades, a nivel mundial, se resolverá cunha crise doutro estilo, que sufrirán fundamentalmente as clases medias, que están hipotecándose para a compra de vivenda cuns prezos desenfreados, pero están hipotecando tamén as súas vidas e o porvir da sociedade. Hai que construír por consenso un Fontiñas 2, que vén sendo Meixonfrío, programado pola Xunta, onde interveñan as tres Administracións. Non hai que esquecer que o solo das Fontiñas fora expropiado pola Administración do Estado.
—Como se pode dinamizar a cidade histórica como espazo residencial e frear o seu aceleradísimo despoboamento?
—X. E. Máis que dinamizala, hai que volvela contextualizar mediante a posta ao día do Plan Especial que leve a unha reflexión en común. Mentres tanto, as medidas deben estar a medio camiño entre a hiperregulación con normas de difícil xestión por falta de recursos humanos, ou deixalas en mans do mercado, crendo que este vai resolver os problemas por si só. Claro que ese medio camiño é difícil, pero ningunha opción política ten a solución máxica.
—Consideran que teñen fundamento as reaccións xurdidas nos últimos tempos en contra da afluencia turística que soporta a cidade?
—A. S. Os que chamamos turistas son coma nós, co ruído das maletas e os selfis cheos de alegría. Cando organizamos unha viaxe estamos contentos, desde a preparación, na chegada ao destino e, despois, o recordo da experiencia. A maioría viaxa cando pode, por calendario e por economía; logo están os que non poden viaxar. Os excesos hai que controlalos, e iso leva a que nós mesmos elaboremos unha urbanidade que se produce cada día convivindo na rúa, de aí a importancia do espazo público. Esa urbanidade en común parte da comprensión xeográfica e cultural da cidade, e tamén de entender que a metade da alma de Santiago está fóra. Diso imos falar.
—Periga o atractivo que en todo o mundo ten o Camiño de Santiago?
—X. E. Máis que perigar, é que poida converterse en algo banal, rutinario, que se deixa de estar de moda decaerá. Ou entendemos a transcendencia e a espiritualidade da cidade no mundo, crenzas aparte, ou estamos equivocando o camiño.
—Fálase con moita frecuencia da necesidade de diversificar a base económica-produtiva da cidade. Que cren vostedes que poden facer as Administracións para avanzar nese obxectivo?
—A. S. «Compostela como desexo», un opúsculo que publicamos hai tres anos con Antón Baamonde, Fernando Barros e Xosé Manuel Villanueva, explica ben a diversificación dos vectores económicos. Por exemplo, a Universidade está a un nivel moi alto no campo científico e investigador, pero mantelo e incrementalo esixe unha gran compacidade no proxecto de cidade entre o Concello, a Xunta e máis a USC.
—Hai tamén un debate aberto sobre a mobilidade na cidade. Como debe deseñarse, tendo en conta o conector central (eixo Basquiños-Virxe da Cerca-Campo da Estrela) pero máis aló deste?
—A. S. Pensamos que ao concurso fáltanlle decisións políticas previas ao deseño, que non poden quedar en mans dos profesionais e, concretamente, dos arquitectos. Diso tamén imos falar. De todas maneiras, o concurso vai servir para visualizar a complexa incidencia de múltiples factores.
—Santiago foi hai máis de vinte anos referente cultural para Galicia e para España, un papel que semella perdido.
—X. E. Si que o foi, e haino que retomar. Poño un exemplo: a iniciativa municipal da capitalidade europea da Cultura no ano 2000. As tres Administracións levamos por Europa o noso proxecto e atopamos en todas partes as portas abertas por ser Santiago de Compostela. Aquel proxecto plasmouse nunha acción de primeiro nivel en conxunto con Aviñón, Bergen, Boloña, Bruxelas, Cracovia, Helsinki, Praga e Reikiavik.