Santiago acollerá os días 8 e 9 o Salón Galego do Videoxogo, que terá cen postos para probar os proxectos
SANTIAGO
Píxel á Feira desenvolverase no Palacio de Congresos de Santiago e está destinado a todos os públicos
21 oct 2025 . Actualizado a las 04:50 h.Píxel á Feira, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo, celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago. Dirixido a público de todas as idades, contará entre os seus atractivos con máis dun cento de postos para poder probar os proxectos. A iniciativa está impulsada pola Deputación da Coruña coa intención de «reivindicar o videoxogo e, sobre todo, o videoxogo galego», dixo o vicepresidente do organismo, Xosé Regueira. Con ese propósito deseñaron unha programación que «non fora só un congreso, nin un salón ao uso», senón un espazo «onde pasaran moitas cousas». Neste Píxel á Feira haberá mercado, un espazo para rememorar a historia do videoxogo, ademais de presenza do sector e doutros ámbitos que poden estar ligados á esta industria, como o ensino e a tradución. «Queremos desmitificar a parte mala do videoxogo e amosar que en Galicia hai músculo neste sector», afirmou Regueira, que presentou a cita en Alita Comics coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o comisario, Iago Gordillo.
Neste primeiro Salón Galego do Videoxogo destacará a presenza da industria, con máis de 25 solicitudes para presentarse neste marco os seus traballos. A iso haberá que sumarlle os que se poderá xogar na zona interactiva. Gordillo apuntou que haberá tanto videoxogos feitos en Galicia como outros que están en galego. En Píxel á Feira tamén destacará a exposición do Museo do Videoxogo de Galicia dedicada á historia e evolución deste medio. Un dos atractivos estará nas máquinas recreativas Daytona USA do ano 93 con ata oito xogadores simultáneos.
Por outra banda, nese intento de profundar no videoxogo máis aló do ocio, contarán con figuras destacadas na cultura dixital. O músico e creador de contido Tiaviolí Gaming actuará por primeira vez en Galicia (día 8, 12.45 horas), mentres que Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista, ofrecerá a charla «Arte & Historia nos Assassin’s Creed (día 8, 17 horas). O domingo haberá un espectáculo do colectivo Reinas Malas. Non faltará tampouco a zona de mercado cun espazo para tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas ao sector.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, remarcou que Santiago quere ser tamén a capital do videoxogo en Galicia. Ademais, lembrou que o primeiro videoxogo galego fíxose en Compostela.