Eladio Santos: «Pensabamos co grupo era só para un verán, para nada que ía durar vinte anos»
SANTIAGO
Eladio y Los Seres Queridos recalan este venres en Santiago para celebrar dúas décadas de traxectoria
10 oct 2025 . Actualizado a las 04:50 h.20.30 horas • Riquela • Desde 15 euros • Eladio y Los Seres Queridos fan en Santiago a segunda parada da xira conmemorativa dos seus 20 anos despois de encher o Auditorio de Afundación en Vigo a semana pasada. A banda liderada por Eladio Santos repasará este venres as cancións que marcaron estas dúas décadas de traxectoria.
—Cando comezaron pensaron que ían soprar as 20 candeas?
—A realidade, non. De feito, o nome é ese porque era un grupo que ía durar só un verán. Eu estaba tratando de cubrir a programación dun bar no que traballaba de técnico de son. Dixen: «En verán non vou ter chollo, así que fago un grupo aquí». Estabamos un pianista e eu, mentres que «Os seres queridos» eran os invitados que viñan para que se achegase algo de xente xa que no verán, entre festivais e praias, era difícil ter xente. Por iso, foi un nome raro. Tocabamos todos os mércores e eran oito concertos. Pero, foise liando a cousa xa que eu tamén usaba iso para probar cancións, porque tiña moitas que eran un pouco «frikis», raras, e non sabía se a xente as entendería. Algunhas das que saíron no primeiro disco estaban por aí. Ao final, funcionou moi ben, e algún convidado foise quedando. Para nada pensabamos que ía durar vinte anos. O certo é que ao seguinte ano xa me decatei de que era un grupo moi definitivo porque facía un pouco o que quería, era algo no que me sentía moi libre. As primeiras gravacións fíxenas eu. Ao principio non tiñamos batería, tocabamos en calquera sitio..., era moi portátil e sostible.
—Dixo nalgunha ocasión que unha das razóns para manterse foi que nunca gañaron diñeiro. E tamén que ningún é feo, nin guapo, nin alto, nin baixo, nin gordo nin fraco.
—(Ri) Hai unha canción que fala diso dicindo que «cantámosle a la vida y el amor y siempre en la medida de la media». É certo que sempre tivemos como agardando ao que vén. Cando un grupo o peta é normal que xurdan máis conflitos. Houbo épocas con ritmo forte, pero tamén con partes baixas. Eramos un grupo de tres, de catro, nalgún momento cinco, pero sempre nos levamos moi ben. Estivemos bastante unidos polo amor á música e ás cancións, que sobreviviron moi ben. Temos tres ou catro cancións do primeiro disco, e seguímolas tocando, aínda que as reformulamos e lle cambiamos algunha frase. Eu creo que o secreto son tamén as cancións.
—No disco destes 20 anos hai temas de varias épocas da súa traxectoria, tamén farán un repaso por eses vinte anos no concerto?
—Si, os nosos concertos sempre foron moi de «anthology», de facer un repaso. Estará todo o disco, con algunhas versións, un tema de Emilio Cao... Ademais, sempre deixamos unha parte aberta que, segundo como vexamos o ambiente, decidimos tocala ou no.
—Lembra algún concerto especial ao longo destas dúas décadas en Santiago?
—Si, lembro un que debía ser no Multiusos. A verdade é que tocamos bastante en Santiago. Eu estudie en Santiago e teño unha espiñiña cravada porque non rematei a carreira. Aínda teño o soño recorrente de que vou a un exame, pero non o preparei, ou o perden... Entón, cando entro en Santiago teño a sensación de que lle debo algo. Fun moi feliz e foi unha etapa das máis cañeiras da miña vida. Paseino moi ben e coñecín a moita xente que logo foi crucial. Os 90 en Santiago foron moi potentes. Daquela era máis loucura, estaba máis interconectado Vigo-Santiago-A Coruña. Sempre hai a maxia da cidade.
—Dicía que ten un recordo especial dun concerto no Multiusos.
—Si, lembro aquel. Era un dos primeiros concertos nos sitios grandes. Eu empecei a tocar en Santiago con outras bandas. Toquei moito na Nasa na época dourada, era algo especial.
—Agora, a por outros vinte?
—A verdade é que xa non sei facer outra cousa. Nos últimos tres ou catro discos xa me encarguei eu da produción e do son. Foi algo que sempre quixen conquistar. Entón, agora que o conseguín... (ri). Antes da pandemia liberámonos dalgunhas cousas. Antes eramos un grupo máis claqueteado, tiñamos unha rixidez; agora mesmo tocamos con moita máis intuición, con moita máis liberdade e creo que cambiou moito o grupo. Moita xente que nos escoitou ao longo dos 2000-2010 vaille sorprender. Todos mo din. O grupo é agora moito máis dinámico. É un concerto máis divertido de ver. Animo a toda xente que ten unha imaxe nosa de grupo popero correctísimo a que veñan porque lles vai sorprender.
—Entón, o nome non cambiou pero si que houbo unha evolución importante.
—Si, ao principio, era un grupo sen batería, case tecno-folk, logo pasamos a ser un grupo máis indie. Eu tocaba sempre a guitarra de doce cordas e hai un momento que pasamos ás guitarras eléctricas antigas —sempre uso guitarras maiores ca min, teño unha do 53, a máis nova é dos 70....—. Con iso fomos cara un son máis interesante, máis real e vivo. Improvisamos máis, podemos cambiar a letra... Iso é unha marabilla. Desde hai dous ou tres anos síntome moitas veces subido a unha nova espacial.