Gabriel Romero de Ávila, gañador do Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil: «Quixen compartir unha visión de Galicia, como fixo Neira Vilas»
SANTIAGO
Trátase da primeira obra que o escritor e médico escribe en galego
23 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Médico asentado en Galicia desde hai máis de dúas décadas e xa con traxectoria literaria en castelán, Gabriel Romero de Ávila (Madrid, 1978) debuta escribindo en galego cun premio: a primeira edición do Premio Neira Vilas de Literatura Xuventil convocado pola Fundación do escritor de Gres (Vila de Cruces) e a editorial Galaxia. «Cando vin as bases quixen compartir unha visión de Galicia como o facía Neira Vilas», resaltou o galardoado pola súa obra «Odio».
Se o autor de «Memorias dun neno labrego» situaba a Balbino na aldea, en «Odio», Gabriel Romero de Ávila leva ao lector a unha Galicia distópica. «É unha terra que vai cara o futuro, con ilusión e valentía, pero sen perder as súas raíces», sinala o gañador. Vigo e Compostela, entre outros, son os escenarios deste «thriller» futurista no que se moven humanos e droides. «É para que a xente se divirta, pero tamén para falar do tema do odio, porque estou preocupado polo desprezo a certos colectivos. Neste caso son robots os que o sofren», manifestou.
Gabriel Romero de Ávila indica que se non escribiu antes en galego foi polas reticencias a usar unha lingua que non era a súa, pero para a que estivo formándose. Agora seguirá escribindo en galego e non descarta darlle continuidade a «Odio», afirmou no acto da presentación da obra acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; e o director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
Precisamente, o responsable da editorial resaltou que a obra gañadora «ten unha acción trepidante», agradecendo tamén ao gañador a súa aposta por escribir en lingua galega. Pola súa banda, tanto Valentín García como Fernando Redondo incidiron en que o galardón «é unha continuación do que quería Neira Vilas» promovendo a creación.