Estíbaliz Santamaría: «Eu cheguei a Lugín rastrexando a canción ?Unha noite na eira do trigo?»

MANOLO FRAGA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Unha exposición sobre a rodaxe de «La Casa de la Troya» abre este martes no museo

23 jun 2025 . Actualizado a las 09:18 h.

Alejandro Pérez Lugín dirixiu a primeira película baseada en La Casa de la Troya, obra literaria que el mesmo escribira e publicara en 1915. A cinta, muda e en branco e negro, estreouse a principios de 1925 no Teatro da Zarzuela de Madrid e o Coliseum de Barcelona, para vir logo a Galicia; pero xa no mes de abril se proxectaba no mítico Carnegie Hall de Nova York, tal como destaca Estíbaliz Santamaría Cadaval (Aguiño-Ribeira, 1987), comisaria do programa do Centenario de La Casa de la Troya (filme). «Logo iría a Bos Aires e a outras capitais hispanoamericanas espallando a divulgación da propia novela, que foi traducida ao inglés en 1922 coa conseguinte ampliación de públicos. Axiña se converteu nun éxito da época», segundo afirma Santamaría, que é doutora en Musicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid.

O programa do centenario leva ao museo troyano unha exposición de fotografías da rodaxe daquela primeira versión cinematográfica, feitas por José Gaspar. «Aínda que recollín máis de noventa, no museo amosaremos unha selección de corenta, algunhas inéditas e media ducia, recorrentes na prensa daquel tempo. O propio Gaspar aparece nunha delas. Todas proceden da Filmoteca Nacional (Madrid), a onde fun dúas veces para visionar a película e elixir as fotos», segundo explica a comisaria da exposición, que será inaugurada mañá no mencionado Museo Casa de la Troya.

A música e a troula son un elemento máis do relato de Lugín, que conta a vida dos universitarios de Santiago naquela altura. «Pero hai unha canción que se aparta desas tonadas máis lúdicas e aparece nun momento íntimo entre Gerardo Roquer e Carmiña Castro, a parella protagonista. Aí ela senta ao piano e empeza a cantar Unha noite na eira do trigo. De feito eu cheguei a Lugín rastrexando a pegada musical na súa obra. Porque este proxecto nace da miña tese de doutoramento que versa sobre a historia desta canción tan popular na Galicia e América dos séculos XIX e XX», engade a musicóloga.

A mostra complétase coa proxección da película en Santiago en data aínda por determinar. Pero en Vigo realizarase unha posta en escena completa o 27 de agosto na Fundación Sales. A proxección da cinta, que dura 2 horas e 40 minutos, estará acompañada por unha banda sonora composta por Brais González que, ademais da música orixinal interpretada en directo, inclúe gravacións históricas de cancións galegas que se conservan nos antigos discos de 78 revolucións por minuto; moitas, interpretadas por Ofelia Nieto, filla do personaxe chamado Nietiño na senlleira obra de Lugín. «Na estrea de Madrid de hai cen anos, a propia Ofelia cantara en directo Unha noite na eira do trigo», apunta a investigadora.

A programación desta efeméride luginiana propón outra mostra fotográfica máis completa en Madrid, no mes de setembro na Casa de Galicia; incluíndo a súa proxección con música en directo no Círculo de Bellas Artes da capital española. «Estou moi satisfeita e ilusionada co desenvolvemento deste proxecto, e moi agradecida á Xunta de Galicia por respaldar esta conmemoración, moi acaída para coñecer mellor a figura de Pérez Lugín, e ao museo por darme todas as facilidades e compartir comigo tamén estas actividades divulgativas», segundo destaca Estíbaliz Santamaría, que segue a traballar a presenza galega en América.