Un aperitivo con poesía, música e libros para a Festa do Banquete de Conxo

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Hoxe programa máis de dez horas de actividades 

24 may 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

A Festa do Banquete de Conxo afronta hoxe un amplo aperitivo a base de música, libros e poesía coa praza central do barrio e a Aurelio Aguirre como principais escenarios antes de que mañá domingo se celebre a gran romaría popular na carballeira. Serán máis de dez horas de actividades que dan continuidade aos cantos de taberna que onte abriron a cita.

Entre as primeiras propostas do día, un clásico: un paseo pola carballeira da man do escritor Henrique Alvarellos para achegarse a importancia que tivo este espazo desde os trobadores da Idade Media ata o exilio republicano. Será ás 11.30 horas e, neste caso, é precisa inscrición previa.

De 11 a 14 e de 17 a 20 horas haberá xogos populares. A partir das 12 horas chegará a Feira das Sementes da man de Títeres Babaluva, seguido a partir das 13 horas dunha sesión vermú a cargo de Patrik e Ginko Biloba. Xa pola tarde, ás 17 horas, Cuarteto de Inverno ofrecerá unha sesión de contacontos ao redor do libro «Lola Feroz», de Juan Baquero. Despois, o centro sociocultural de Conxo acollerá dúas presentacións de libros. Ás 17.30 horas será a quenda de Guillerme Coen e o seu «Solpor en Figueiras». Despois, ás 18 horas, tomará o relevo «In memoriam 100 Concello de Conxo», a cargo de Alberto Vilariño e Juan Lema.

No exterior, pero tamén ás 18 horas, está programado o espectáculo de Charlatán Rodríguez. Xa a partir das 19 horas, a música regresa coa proposta Canto Fraterno. Para empezar haberá canto tradicional coas pandeireteiras do grupo Pena Maior de Marrozos e o grupo tradicional de Sar. Despois, na escalinata do hospital psiquiátrico de Conxo, tomará o relevo o canto coral da man do Coro de Habaneras Rocha Forte, Coro Cota da Nai de Aríns, o Coro Crecente de Voces Graves, Coral Amigos do Castiñeiriño, a Coral Alegría de Compostela e a Coral de Pontepedriña.

Ás 21 horas, para pechar as actividades desta segunda xornada, celebrarase a Festa da Poesía que contará coa participación das poetas Clara Pino, Naila María González e Brenda Mondelo, así como a música de Migui Bouzó, Leticia Rey e XEVA.

Este ano tamén cobra protagonismo o Mercado do Libro, que contará esta tarde con sete sinaturas de libros a cargo de Miguel Vigo; Rosa Marta Gómez Porto e Manuel González; Xaime Fandiño, Fernando A. Fernández Domonte; Carmen Pereiro, Clara do Roxo e Fraces d’a Silva; e Patricia Meira, Bea Miguez e Clara Pino. Reunirá a once expositores hoxe e mañá. As propostas complétanse coa Mostra de Oficios Tradicionais con tres artesáns.