Os alumnos do IES Antonio Fraguas homenaxean ás cantareiras cun musical

Serxio González Souto
Serxio González SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Cedida

«O saber do pobo, o sabor das cantigas» chega este luns ao Teatro Principal cunha mistura de poesía, danza, alalás e teatro

27 abr 2025 . Actualizado a las 21:25 h.

Este ano, o Día das Letras Galegas rende xusta homenaxe á mellor literatura oral que emerxeu do pobo, a que encarnan as cantareiras, felizmente reinventadas para o século XXI por unha vaga de talento musical que está a tomar os escenarios con indubidable forza. Coordinados polo departamento de Música do centro, os alumnos do Bacharelato de Artes Escénicas e Musicais do IES Antonio Fraguas poñen este luns o seu grao de area neste esforzo colectivo a través do espectáculo O saber do pobo, o saber das cantigas. A cita é este 28 de abril, ás oito do serán, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A entrada, libre e de balde ata completar aforo.

Non é a primeira vez que a comunidade do Antonio Fraguas aposta por esta fórmula. Ao longo dos últimos quince anos compuxeron pezas coma A revolta climática, Antonio de Insuela (dedicado ao investigador galeguista que dá nome ao centro), Cantiga da rúa ou En todo estás e ti es todo, co gallo do 125 aniversario da publicación de Follas Novas. Estas dúas foron tamén estreadas no Principal, en colaboración coa concellería de Cultura e Educación. Malia ser a referencia para o estudo artístico no conxunto da bisbarra compostelá, o instituto carece dun salón de actos, por un destes paradoxos que tan ben definen o vello país da fin do mundo.

Nada mellor que as verbas dos propios autores e protagonistas do musical para expresar o espírito que anima a iniciativa: «Enredando melodías, enguedello nos fonemas, cada verba unha verdade, a túa fala son poemas. E o berro dunha vaca, un disparo sen metralla. Vaise a nosa identidade, a terra quen a traballa».

O saber do pobo, o sabor das cantigas. Luns, 28 de abril do 2025. Teatro Principal de Compostela. 20 horas. Entrada libre e de balde ata completar aforo.