
As pezas estarán protagonizadas por Evaristo Calvo e por Laura Porto e Helena Varela
02 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Unha revisión dos clásicos desde a escena contemporánea. Iso busca o ciclo Clásicas Desfeitas, que deixará novos xeitos de achegarse á figura de Ricardo III de Inglaterra e ao mito de Medea durante este mes na Cidade da Cultura. Será Evaristo Calvo quen se introduza na pel do monarca, mentres que Helena Varela e Laura Porto reconstruirán a identidade da figura mitolóxica neste ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego (CDG) e a Cidade da Cultura para redescubrir os clásicos.
Foi Ricardo III de Inglaterra un conspirador ou un asasino sen escrúpulos? O retrato que achegará o actor e dramaturgo Evaristo Calvo os días 21 e 22 de febreiro á planta baixa do edificio da Biblioteca de Galicia no décimo segundo volume de Clásicas Desfeitas, «Mala vida e pior morte do rei Ricardo III», diferirá do da traxedia de William Shakespeare, onde se traslada a imaxe como un dos peores viláns. Así, Calvo cargará coa coroa para explorar a manipulación histórica e cultural que consolidou a lenda negra do monarca inglés, destacan desde a Cidade da Cultura. Farao mediante un monólogo que combina humor grotesco, lirismo e un marcado tenebrismo para transcender a revisión histórica.
Na dirección desta peza, ademais do propio intérprete, están Antón Coucheiro e Alessandra García. Por outra parte, na dramaturxia tamén participa María Lado, e Ana Vallés súmase no asesoramento teatral, mentres que a profesora e investigadora Cristina Mourón colabora nas achegas históricas. Haberá catro representacións —dúas por xornada ás 18 e as 20 horas—.
A segunda das obras que completa esta edición do ciclo será «Medea-Mamá-Monstro», unha creación da actriz e produtora Helena Varela e da dramaturga Laura Porto. Elas ofrecerán os días 28 de febreiro e 1 de marzo, ás 19 horas, unha experiencia escénica na que se mestura o falso documental co «freak show» para compoñer un retrato máis complexo da personaxe mitolóxica. O escenario polo que se moverá esta particular Medea serán as zonas de almacén do viveiro e o espazo de incubación de proxectos do Centro de Emprendemento Creativo.
Para reconstruír a Medea, Laura Porto e Helena Varela reunirán pezas sobre ela de Eurípides, a poeta Chantal Maillard e a novela de Cristina Wolf. Ademais, tratarán de devolvela á vida nun híbrido robótico con forma de paxaro.
As entradas para ambos obstáculos están á venda por 9 euros tanto en Ataquilla como no propio Gaiás.