Geno Rodríguez, experto en pedagoxía na infancia: «A bicicleta é un agasallo que nunca debería faltar en Nadal»
SANTIAGO
O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC aposta por reducir o número de regalos e dar prioridade á calidade
22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Geno Rodríguez, docente da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (USC), achega a súa experiencia como estudoso do xogo e da formación para dar unhas cantas claves sobre o que deberíamos regalar este Nadal aos nenos.
—Como deben abordar as familias estas datas para non sobrecargar aos nenos de agasallos?
—Non é sinxelo, xa que moitas veces non é só culpa do entorno familiar máis próximo. Pero está claro que un rapaz non asimila tal cantidade de regalos e, de feito, non lle dará importancia a todos por igual. Ao final quítaselles o rendemento que poderían ter porque non van destinar o tempo necesario. En vez de xuntar tantos regalos en tan pouco tempo, sería interesante espallalos no tempo, ver as necesidades do neno e cara onde o queren educar e orientar as familias.
—Que se debería regalar?
—Depende das idades. Podemos falar de rapaces de infantil ou preescolar e despois os que van dos seis aos 12 anos. Para os máis pequenos, ata os seis anos, o que necesitan son xoguetes que estimulen a súa imaxinación e creatividade, que deban manipular e que teñan diferentes cores, texturas, tamaños e que sexan moi rechamantes. Son rapaces que están nunha fase moi sensible do seu crecemento e este tipo de materiais axúdalles en diferentes aspectos, como o físico, cognitivo ou emocional. Para os grandes, de seis a 12 anos, hai moita variedade. Teríase que ir buscando ese xoguete educativo, con contidos de xeografía, matemáticas... Despois é moi importante que o poidan compartilo con outras persoas: pais, irmáns, amigos. Compartir ensínalles a gozar máis se xogas en compañía de outra xente.
—Os pais tamén deben xogar?
—Hai xogos e agasallos que poden utilizar tanto un neno como un adulto. Poden divertirse, pasalo ben ao mesmo tempo que lle ensinan aos seus fillos certas cousas. O xogo é algo que se perde nos adultos porque se dedican a outras cousas, entre comiñas, máis importantes. Eu creo que cando os adultos deixan de xogar algo vai morrendo dentro. Chámalle ilusión, chámalle vivencias... É algo que deberíamos coidar de non facer.
—Que opina dos xoguetes tecnolóxicos. Como se deben abordar?
—É algo complexo. No seu momento houbo un bum dentro dos centros educativos, pero xa empezan a haber voces discordantes. Se o rapaz pasa moitas horas diante dunha pantalla, iso pode xerar certas adicións. A clave redúcese a xestionar e equilibrar. O papel das familias debe ser ese porque os electrónicos son os xoguetes que máis lles gustan aos nenos. Pero o importante non é o xoguete, senón o uso que se fai del. Se o neno está practicamente todo o día prendido da tableta é un problema porque falta movemento. Hai que atender ao aspecto físico dos xoguetes, que impliquen que os nenos teñan que moverse. España é un dos catro países de Europa cun dos maiores índices de obesidade infantil. Hai que apostar polas bicicletas, patíns, balóns...
—Deberíamos priorizalos?
—A bicicleta é un xoguete fantástico que nunca debería faltar en Nadal. Incluso para os máis pequenos, porque agora hai estas nas que teñen que pedalear cos pés, polo que deben facer forza para moverse. Iso sérvelles para mellorar o sentido do equilibrio. No caso dos maiores, tamén son boas porque incluso lles da ese aspecto de liberdade, de escapar un pouco do control das familias. A bici atende a tódalas esferas que debe cumprir un xoguete: corporal, social, afectiva, conectiva e creativa.
—E os libros serven?
—Son fantásticos. Se falamos de rapaces, a literatura infantil é un dos principais contidos que se traballan nos centros educativos. Non só para aprender linguas, senón tamén para a imaxinación. É unha cousa que non debería faltar nunca e aí moitas veces temos que pecar de regalar máis, non menos. Despois están os patíns, que ademais do equilibrio, poden servir para corrixir certas patoloxías dos nenos a nivel dos xeonllos, algo no que están moi enriba os pediatras.
«Xogar é necesario para que aprendan, se equivoquen e busquen e atopen solucións»
—¿Cantas horas debe xogar un neno?
—Depende sobre todo do tipo de xoguete. Tódolos días o rapaz debe ter un desenrolo a nivel educativo e formativo, e tamén un oco para desafogar e xogar. Está esa teoría catártica de liberar as tensións do día a día, especialmente polas axendas tan apertadas que teñen, con horas lectivas, actividades extraescolares, deberes... Xogar é necesario para que os nenos aprendan, para que se equivoquen e para que busquen a maneira de atopar solucións. Ese tipo de cousas o rapaz apréndeas xogando. Está na súa propia natureza.
—Para os pais, moitas veces a solución e darlles un xoguete para que non molesten.
—Un adulto ten que facer mil cousas e moitas veces deixámonos levar por ese ritmo e non nos damos conta do que acontece ao noso arredor. Iso fai que cando te decatas, o neno leva catro horas vendo a televisión ou xogando á videoconsola ou á tablet porque non require da atención dun adulto. Ao mellor tamén precisamos un break e xogar cos nosos fillos.
—Hai algo máis que considere importante antes de poñerse coas compras de Nadal?
—Este é un momento no que a sociedade, con todos os problemas que ten, debería pensar en algo solidario. Está o fenómeno Marie Kondo, autora xaponesa que escribe sobre o día a día e sobre o que precisa unha persoa, e di que deberiamos centrarnos nas cousas pequenas, en aquilo que é necesario. Creo que non o pensamos así cos nosos nenos, xa que este Nadal van a ter tantos regalos que ao mellor é un momento de pensar no resto, na solidariedade, naqueles que non teñen tanto. Non fai falla que o meu teña cinco agasallos, seguramente con catro lle chegará e os gozará moito máis porque terá máis espazo e máis tempo para cada un deles. Creo que así podemos facer felices a outras familias que non son a nosa e tamén lles ensinamos aos nosos rapaces unha lección. Todos os nenos necesitan saber o que é compartir e creo que un aspecto educativo moi importante que van agradecer no futuro.