Adeus en Santiago a María Salvado, referente na renovación pedagóxica galega e impulsora da editorial Chan da Pólvora
SANTIAGO
Destacan que esta veciña compostelá foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública
12 nov 2024 . Actualizado a las 18:57 h.Compromiso social, pedagóxico e carácter reivindicativo. Todo iso definía a María Salvado (Budiño, O Pino, 1950), que faleceu este luns en Santiago, onde residiu boa parte da súa vida. Trátase dunha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde os anos sesenta, fundadora de sindicatos como a UTEG e de partidos como o POG, segundo destacan desde a editorial Chan da Pólvora, iniciativa á que estivo estreitamente vinculada desde o ano 2015.
María Salvado comezou a exercer como mestra no Freixo, no Concello de Outes, cando acababa de cumprir 18 anos. «Non tardou en converterse nun dos símbolos do cambio democrático que se aveciñaba», resaltan desde a editora. Así, destacou pola aposta pola autonomía do alumnado e o compromiso coas persoas menos favorecidas. Tamén resaltou polo seu carácter reivindicativo. «De feito, foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública», engaden.
María Salvado formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía, etapa na que entrou en contacto con Herminio Barreiro, filósofo e pedagogo que a guiou nos primeiros pasos teóricos. Entre as súas influenzas está Célestin Freinet, Piaget, María Montessori e Rosa Sensat. En 1983, xunto a un grupo de pedagogos, promoveu Nova Escola Galega. Licenciada tamén en Psicoloxía, Salvado tamén formou parte dos equpos psicopedagóxicos de apoio.
Ademais tivo unha participación activa no eido político. Así, formou parte da creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG), o primeiro sindicato do ensino que houbo en Galicia, e impulsou, posteriormente, unha alternativa a esta formación co Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE). Tamén fundou o Partido Obreiro Galego (POG) e participou en Unidade Galega. Logo implicouse na posta en marcha de Esquerda Galega e nos movementos feministas.
Profunda foi a pegada que deixou no eido cultural desempeñando «un labor esencial como mentora de diferentes xeracións de poetas, desde Manuel Rivas a Antón Lopo». Ademais, fixo de ponte entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Galicia durante os anos que viviron en Cuba.
No ano 2015 participou na creación de Chan da Pólvora na Illa de Ons. Foi aval da libraría e asinou como subscritora fundadora da editorial. Ademais, impulsou a creación da Horta das Chas, que desde a súa inauguración en xuño de 2020, supuxo a apertura para a cidadanía dun ámbito privado. Trátase dun predio de 600 metros cadrados da súa propiedade que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A última aparición pública de María Salvado foi, precisamente, nun acto de Chan da Pólvora Editora. Tivo lugar na presentación en Numax da antoloxía «Prefiro condenarme» de Margarita Ledo o 10 de setembro. Alí recibiu unha longa ovación pola súa contribución á editora. «Da memoria que nos deixa permanecerá o seu entusiasmo, a súa xenerosidade, o amor, a enerxía e a compaña que nos deu, imborrable. As nosas vidas non serían as mesmas sen a súa mirada. A poesía galega non sería a mesma sen a súa acción», conclúen desde Chan da Pólvora.
Os restos de María Salvado serán incinerados este luns ás sete da tarde na intimidade.