A carbeira de Francos terá actividades desde este venres ata o luns, o día grande
08 nov 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Teo diralle esta noite «arre» á Feira de San Martiño, que encherá de actividade ata o luns a carballeira de Francos. A benvida terá marcado acento musical co concerto da banda de rock Astarot ás 21.30 horas, que recala no marco da xira do seu corenta aniversario. Antes, ás 21 horas, Ignacio Balboa ofrecerá o pregón.
Mañá sábado as propostas comezarán ás 10 horas cunha ruta interpretativa polas terras da Raíña Lupa. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, chegará a proxección e un coloquio sobre o paso do tempo polo San Martiño de Francos. Estas dúas actividades están organizadas polo colectivo A Rula. Xa ás 17.30 horas, celebrarase un «escape room» sobre a igualdade e en contra da violencia de xénero. A segunda xornada rematará a partir das 21 horas cunha foliada polos distintos postos das polbeiras, que estará amenizada polo Asociación Musical Ghazafellos co seu concerto «Gaitas ao lombo».
O domingo as actividades toman a palabra á espera do día grande. Así, desde ás 11.30 horas haberá o gran xogo dos capbliños. Tamén pola mañá haberá xogos tradicionais e obradoiros de chapa e de cociña. Xa pola tarde, ás 16 horas, comezará unha xincana familiar, ao que seguirá, ás 17.30 horas, o concerto de Pakolas. O remate volverá a ser con foliada.
«Ao galope» chegará o luns, día grande de San Martiño, con actividades desde ás 6 da mañá coa feira de gando cabalar. Nesa xornada tamén haberá mercado tradicional, de artesanía feita en Teo, catas de viños e queixos, así como actuacións ao longo do día na Barraca de Barriga Verde e musicais, coa charanga da SR de San Xóan de Calo.