Actividades infantís no Gaiás polo Mes da Ciencia en Galego

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

A Biblioteca de Galicia acollerá obradoiros especiais dirixidos a rapaces de entre 6 e 12 anos os vindeiros sábados 9, 16, 23 e 30

04 nov 2024 . Actualizado a las 04:50 h.

Novembro vén cunha chea de actividades coas que aprender divertíndose en Santiago. Con motivo do Mes da Ciencia en Galego, o Gaiás ofrece catro obradoiros de balde (previa inscrición), dirixidos a rapaces de entre 6 e 12 anos, que terán lugar os vindeiros sábados 9, 16, 23 e 30 na Biblioteca de Galicia.

A cativada terá a súa disposición, na primeira das citas, lupas binoculares propias dun laboratorio para observar os obxectos e seres que estuda o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

O seguinte obradoiro, o do día 16, é o único dos catro onde aínda queda algunha praza libre (onte había media ducia) e está pensado para nenos de 8 a 12 anos. Nel os participantes descubrirán o Seminario de Estudos Galegos a través de diversas dinámicas lúdicas. Divididos en dous equipos, farán xogos como o Quen é quen? ou partidas de cartas cas figuras relevantes da institución cultural, entre outras propostas.

O día 23 o Gaiás acollerá un obradoiro de paleografía para descifrar escrituras antigas. E, o 30, haberá un contacontos e unha sesión de modelado de barro cos que os pequenos da casa achegaranse ao proceso da fabricación en cerámica (facendo unha cunca) e á vida no Neolítico.